CARMEN ALONSO PEREIRO - SRTA. MUCHA

06/04/2020

CARMEN ALONSO PEREIRO - SRTA. MUCHA

Carmen Alonso Pereiro, a señorita Mucha, foi un exemplo de muller traballadora e independente, nunha época na que iso non era habitual. Asemade, desenvolveu unha conciencia social: o ensino podería axudar á xente a prosperar, e máis concretamente, ás mulleres a fuxir do rol doméstico e ter liberdade para escoller o seu propio camiño. Ademais, ensinou e educou a unha gran cantidade de sadenses ao longo de case 50 anos.


Carmen Alonso Pereiro, Señorita Mucha para os seus alumnos, naceu en Sada no ano 1922. Foi filla de Daniel Alonso e Carmen Pereiro.

Estudou na Escola das Josefinas na cidade da Coruña e cando rematou o colexio, continuou os seus estudos na Escola de Maxisterio da mesma cidade. Comezou a traballar na Academia Balmes en Sada e posteriormente fixo de substituta na Escola de Carnoedo.

No ano 1946 fundou o Colexio Alonso, sito na Avenida da Marina, en Sada, onde preparaba ós alumnos ata Bacharelato Elemental e para o seu ingreso na Escola de Maxisterio.

Anos despois, trasladou a escola á Praciña do Conde, ampliando as ensinanzas ata parvulario, onde traballou ata a súa xubilación. Como curiosidade, dicir que o colexio era mixto, é dicir, nenos e nenas estudaban xuntos, algo pouco común naquel tempo.

Foi mestra de varias xeracións. Acudían á súa escola nenos e nenas de todas as parroquias de Sada e impartíalles ela mesma todas as materias agás música e ximnasia. Contou tamén coa axuda do seu irmán Antonio Alonso, quen destacaba na asignatura de Química e realizaba as súas clases prácticas nun sinxelo laboratorio; o que hoxe é totalmente normal nas escolas e institutos, naquela época resultou toda unha novidade.

A Señorita Mucha amosaba un interese especial na formación das rapazas, de xeito que non aprendesen só coñecementos das tarefas do fogar, senón que tamén se puidesen defender no terreo profesional, converténdose no futuro en mulleres traballadoras e independentes como ela.

Foi unha muller culta e intelixente, sobresaliente ao longo da súa carreira académica, pero tamén discreta e sinxela. Dominaba varios idiomas. Era unha lectora infatigable, sempre disposta a aprender sobre as materias máis diversas. Nunca chegou a casar.

Finou en Sada en decembro de 2018, deixando un legado de adicación á mocidade e ao ensino. Foi un gran exemplo para o seu alumnado, xentes coetáneas e xeracións posteriores.

Fonte: Lena María Gayoso Pereira

 

Arquivado en:

AXENDA