A Concellería de Cultura propón celebrar unha nova edición do Mercado Mariñeiro. O obxecto das bases que agora se presentan é o de establecer as condicións e o procedemento para outorgar autorizacións para ocupar espazos de uso público para organizar un mercado de artesanía de temática mariñeira dentro do marco das Festas do Carme 2025 en Sada, a celebrar nas datas do 19 e 20 de xullo.
BASES PARTICIPACIÓN NO MERCADO MARIÑEIRO DE SADA
ANEXO I
O Concello de Sada organiza unha nova edición das tradicionais Festas do Carme, en homenaxe á histórica relación sadense co mar e coa pesca, que permanece viva hoxe en día marcando o carácter da vila. É por iso que as Festas do Carme representan en Sada, sen dúbida, unha das datas máis destacadas do calendario de festexos que emanan da cultura popular.
As celebracións populares teñen un compoñente dinamizador da economía local, xunto cun potencial de atracción de visitantes. Isto supón unha oportunidade para reactivar a economía local. Este compoñente aporta un valor económico á celebración, que debe pode ser aproveitado dende unha visión de reactivación económica.
Os concellos teñen entre as súas competencias a da organización e xestión de feiras, abastos, mercados, lonxas e comercio ambulante, segundo se recolle na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases do Réxime Local. Con base nesta competencia e tamén nos obxectivos relacionados coa promoción cultural e económica a nivel local, a Concellería de Cultura propón celebrar unha nova edición do Mercado Mariñeiro.
O sector da artesanía presenta ao mesmo tempo un carácter artístico, creativo e utilitario. Os obxectos feitos a man poñen a arte ao servizo da funcionalidade e representan toda unha expresión cultural. Por medio desta proposta queremos destacar o valor cultural e artístico do oficio artesán e achegalo ao público da festa, destacando e apoiando o interese propio da actividade artesanal. Por todo isto, o obxecto das bases que agora se presentan é o de establecer as condicións e o procedemento para outorgar autorizacións para ocupar espazos de uso público para organizar un mercado de artesanía de temática mariñeira dentro no marco das Festas do Carme 2025 en Sada, a celebrar nas datas do 19 e 20 de xullo.
O mercado instalarase no Paseo Marítimo de Sada, á altura da zona portuaria, entre o edificio da «Axudantía de Marina» e a zona de finalización do carril bici, con espazo estimado para 30 postos de venda.