
A Concellería de Cultura convoca a XIX edición da Mostra de teatro Afeccionado pola que se promove a actividade teatral de carácter afeccionado e dar a coñecer entre a poboación sadense unha selección das montaxes escénicas contemporáneas, no eido do teatro amador. Na Mostra entregaranse os «Premios Lugrís Freire», en homenaxe e lembranza do escritor e dramaturgo sadense, un dos máximos expoñentes do teatro social galego, director da Escola Rexional de Declamación e homenaxeado coas Letras Galegas 2006. Un xurado e o público que asista aos espectáculos determinarán, a través das súas valoracións, cales serán as compañías premiadas nesta edición.
RELACIÓN DE COMPAÑÍAS E OBRAS SELECCIONADAS PARA A MOSTRA DE TEATRO 2026
- 11 ABRIL (19:00): "A XUNTANZA" - Compañía TEATRO EL RUISEÑOR - Culleredo
- - 12 ABRIL (19:00): "BACANTES" - Compañía NOITE BOHEMIA - A Coruña
- - 18 ABRIL (19:00): "EL MANUAL DE LA BUENA ESPOSA" - Compañía Taller Teatro Maru-Jasp - Madrid
- - 19 ABRIL (19:00): "OPERACIÓN BARRANCO" - Compañía Vagalume - Carballo
- - 26 ABRIL (19:00): "TODO MUJERES" - Compañía Entre Patas Teatro - A Coruña
A XIX edición da Mostra celebrarase en varios sábados e domingos consecutivos, entre o 11 e o 26 de abril de 2026.
Poderán participar compañías ou asociacións que conten cun grupo de teatro afeccionado, independentemente da súa procedencia.
A XIX edición da Mostra de Teatro Afeccionado seleccionará 4 obras de entre todas as solicitudes de participación que se reciban en prazo.
Ademais, a Concellería de Cultura incluirá un espectáculo de forma directa, programando a súa actuación na data da gala final, xusto a continuación do acto de entrega de premios. Esta medida pretende ofrecer un espazo prioritario para a exhibición dos traballos da Compañía Municipal de Teatro ou para compañías teatrais con sede no municipio. De xeito excepcional e de forma motivada, tamén poderá propoñerse a actuación de peche a outras compañías que presente un espectáculo axeitado pola súa calidade ou polo tema tratado. As 4 compañías seleccionadas para a fase de concurso e a compañía seleccionada para o espectáculo de peche completarán o cartel da «XIX MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO, CONCELLO DE SADA. PREMIOS LUGRÍS FREIRE».
Establécense os seguintes premios:
· PREMIO DIRECTO COMPAÑÍAS SELECCIONADAS: Establécese un premio directo de 800€ para cada unha das compañías seleccionadas para participar na fase de representacións da Mostra. As compañías seleccionadas perderán todo dereito a recibir este premio se non fose posible representar a obra nas datas dispoñibles para o certame, pasando a ser substituídas pola seguinte obra con mellor valoración.
· PREMIO LUGRÍS FREIRE AO MELLOR ESPECTÁCULO PARA O PÚBLICO DA MOSTRA: Establécese o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o público», cun importe de 500€. O público asistente disporá de tarxetas de votación e poderán depositar a súa valoración ao final de cada función. O premio será para o espectáculo que acade a puntuación media máis alta.
· PREMIO LUGRÍS FREIRE AO MELLOR ESPECTÁCULO PARA O XURADO DA MOSTRA: Establécese o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o xurado», cun importe de 500€. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística nomeará un xurado, que estará formado por persoas implicadas na actividade teatral, persoal e representantes municipais. O xurado emitirá unha acta de valoración na que se fallará a compañía premiada.
O xurado puntuará as representacións empregando unha rúbrica de puntuación, na que se valorarán os seguintes criterios:
- · Calidade da interpretación (habilidade e calidade do traballo de actrices e actores para dar vida aos personaxes
- · Calidade da posta en escena (coherencia dos elementos da montaxe, escenografía, vestiario, uso da iluminación e os recursos sonoros para potenciar a comunicación do texto dramático)
- · Calidade do texto (estrutura da acción, profundidade dos personaxes, coherencia da trama)
- · Capacidade para comunicar a mensaxe da obra e transmitir emocións
- · Impresión xeral subxectiva sobre o conxunto do espectáculo
No caso de que o Premio do público e o Premio do xurado recaian no mesmo espectáculo, o premio do xurado outorgarase ao espectáculo que obteña a segunda mellor valoración na súa acta.
COMUNICACIÓN DOS PREMIOS LUGRÍS FREIRE: Os premios do público e do xurado comunicaranse publicamente na Gala de entrega de premios que se celebrará o domingo 26 de abril, no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns, poñendo o peche a esta edición.