16 / OUT / 2025
O Concello de Sada, en colaboración co comercio local, organiza un programa especial de actividades co fin de premiar a creatividade e o esforzo do sector á hora de decorar os escaparates dos seus establecementos, así como a súa contribución para impulsar a actividade comercial e potenciar o ambiente festivo durante a festividade de Samaín. As actividades desenvolveranse o 31 de outubro
XINCANA POLOS COMERCIOS DE SADA:
A xincana consistirá nun percorrido interactivo polos establecementos colaboradores, onde as persoas participantes deberán completar unha tarxeta de ruta con 9 selos. Para elo disporán dun plano de localización dos comercios participantes e deberán estar disfrazadas con motivos propios da data para poder participar nela. Esta actividade está aberta a todas as persoas interesadas, aínda que está especialmente dirixida á participación de nenos, nenas e familias.
Modo de participación e desenvolvemento da actividade
- • As persoas participantes deberán visitar os establecementos sinalados e conseguir os 9 selos correspondentes.
- • As tarxetas poderán recollerse nos seguintes puntos: Carpa na Praza de España o día 31 de outubro a partir das 16:00 h. / Edificio Administrativo do Concello entre os días 28 e 31 de outubro, en horario de atención ao público.
- • Cada tarxeta incluirá un código QR que permitirá consultar a listaxe e localización dos comercios colaboradores.
Entrega e sorteo de premios
Unha vez completada a tarxeta, poderá entregarse na carpa situada na Praza de España para poder participar nun sorteo que terá lugar ás 20:00 h.