O alcalde, Benito Portela, considera que as contas de 2024 “son fundamentais para Sada” logo de que en 2023 fosen prorrogadas as do ano anterior
O alcalde de Sada, Benito Portela, logo de convocalos a comezos desta semana, iniciou onte pola tarde distintas reunións cos representantes dos grupos da oposición co obxectivo de elaborar os orzamentos municipais de 2024. “Ter uns orzamentos é unha cuestión fundamental para o correcto funcionamento da nosa vila”, asegurou o alcalde, quen estivo acompañado nestas reunións da concelleira de Facenda, Pilar Taibo.
A intención do executivo sadense é continuar apostando por aqueles investimentos que caracterizaron ó longo destes anos ó goberno de Sadamaioría, como a aposta polo gasto social, que en 2022 creceu máis dun 60%, ou en infraestruturas básicas para o concello, cun crecemento de máis do 10% nas últimas contas públicas.
O alcalde trasladou á oposición a vontade do goberno local de estudar as propostas que os grupos políticos teñan a ben trasladar ó longo destes próximos días de cara a elaboración das contas do próximo ano.
Portela avanzou, ademais, que os orzamentos experimentarán un importante crecemento na partida de gastos xerais debido á actualización de prezos que será necesario efectuar nalgúns contratos, así como no capítulo de gastos fíxos anuais que ten o Concello de Sada.