Luz verde a la ampliación de la depuradora de Sada con 10,3 millones de euros

28 / OUT / 2022

Luz verde a la ampliación de la depuradora de Sada con 10,3 millones de euros

A nova depuradora de Sada quedará dimensionada para atender as necesidades dunha poboación de 24.393 habitantes no ano horizonte 2044 e unha achega industrial de 6.070 habitantes equivalentes. O alcalde de Sada, Benito Portela, agadeceu a Augas de Galicia a súa disposición para aceptar a proposta do goberno municipal para abordar a financiación da ampliación da EDAR de Sada coa fin de adecuar a súa capacidade de tratamento as necesidades actuais do sistema de saneamento así como agradeceu  aos técnicos do ente autonómico e do Concello de Sada polo gran traballo realizado na redacción do anteproxecto. Portela celebrou a consecución desta actuación que permitirá "solucionar o saneamento de augas residuais". O rexedor manifestou o seu desexo de que as obras poidan comezar canto antes dado o aumento da poboación que está a experimentar o Concello de Sada nos últimos anos”.

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Sada para executar a obra de ampliación da estación depuradora de augas residuais municipal, que suporá un investimento de máis de 10,3 millóns de euros.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a colaboración técnico-financeira da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, co Concello de Sada para adecuar a capacidade de tratamento da depuradora ás necesitades actuais do sistema de saneamento, segundo a normativa vixente. As actuacións teñen como finalidade dotar a instalación hidráulica de capacidade para tratar os volumes de auga almacenados na rede, minimizar os problemas actuais de vertedura en tempo de choiva e, no escenario futuro, todas as augas xeradas en tempo seco.

En cumprimento da colaboración autorizada hoxe polo Goberno galego, Augas de Galicia asume esta actuación, marcada como prioritaria no Plan director de saneamento no municipio de Sada, para a mellora dos sistemas se saneamento e depuración na ría de Ares–Betanzos. Segundo esta colaboración técnico-financeira co Concello, Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Sada asume a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios, a obriga de conseguir as autorizacións para a execución dos traballos, recibir as obras, así como o seu mantemento e conservación, empregando as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

Unha vez autorizada hoxe esta colaboración técnico-financeira, Augas de Galicia prevé licitar as obras nas vindeiras semana para inicialas no segundo semestre do 2023.

A actuación executarase en 2 fases e conta cun prazo estimado total de 33 meses. O cronograma do contrato establece o prazo de 3 meses para a redacción do proxecto construtivo, 10 meses para executar a 1a fase das obras, 11 meses para a súa posta en marcha e execución da 2a fase, e 9 meses para a posta en funcionamento desta segunda fase.

O funcionamento da planta de tratamento de augas residuais de Sada estará garantido en todas as diferentes etapas previstas nestas obras.

Os traballos estarán cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

O obxecto e desenvolvemento das obras

 A depuradora de Sada non dispón na actualidade de capacidade hidráulica para xestionar os caudais xerados en tempo de choiva, e no futuro nin sequera podería tratar as augas xeradas en tempo seco, polo que é preciso dotar a instalación de capacidade hidráulica para tratar os volumes de auga almacenados na rede.

Para solucionar esta problemática impúlsanse a ampliación da actual estación de tratamento de augas residuais na mesma parcela que ocupa a estación depuradora actual.

Para iso, na primeira fase executarase unha liña de auga, que inclúe unha arqueta de repartición a pretratamento con bypass xeral, unha nova liña de pretratamento, consistente nun proceso de tamizado e desareadodesengraxado; a reconversión dunha liña do reactor biolóxico actual nun reactor biolóxico MBBR; medidor de caudal, arqueta e condución de vertedura á ría de Ares-Betanzos, dispoñendo ademais dunha arqueta para anular a formación de espumas, e válvula antirretorno para evitar calquera fluxo inverso.

Ademais, actuarase na liña de lodos actual, e instalarase, a continuación da deshidratación mecánica, un proceso de estabilización de lodos con capacidade igual, polo menos, á máxima capacidade da liña de lodos existente. Tamén se inclúen todas as instalacións auxiliares necesarias correspondentes a esta fase.

Seguindo o programa de traballo, e coa posta en marcha da primeira fase das obras, comezarán os traballos correspondentes á segunda fase de ampliación da depuradora de Sada. Nesta segunda fase completaranse as actuacións coas obras na liña de auga, que implican a construción da 2a liña do pretratamento, arqueta repartidora de caudais pretratados, reconversión da 2a liña do reactor biolóxico actual de lodos activos nun reactor MBBR e a arqueta de reunión de caudais dos efluentes dos 2 reactores biolóxicos.

Tamén se procederá á construción da decantación, equipo completo de tratamento terciario de desinfección por radicación ultravioleta con dúas liñas, cámara de lodos en exceso para as dúas liñas ou máis da decantación secundaria, bombas de lodos e de sobrenadantes, bombas de lodos en exceso.

En canto á nova liña de lodos, incluirá o espesador por gravidade cuberto e espesador dinámico, bombeo dos lodos espesados cara ao dixestor aerobio, dixestión aerobia dos lodos, estabilización química dos lodos, deshidratación mecánica, bombeo de lodos deshidratados e instalacións auxiliares.

Durante a execución das obras garantirase en todo momento o funcionamento da planta de tratamento de augas residuais segundo as diferentes etapas previstas, e ao seu remate procederase á demolición de todas as infraestruturas que queden fóra de servizo.

Mediante estas intervencións, a nova depuradora de Sada quedará dimensionada para atender as necesidades dunha poboación de 24.393 habitantes no ano horizonte 2044 e 6.070 habitantes equivalentes en achega industrial. Deste xeito, a depuradora dimensiónase para que poida tratar unha contaminación equivalente a máis de 30.000 persoas, para facer fronte ás necesidades de poboación fixa e estacional que reciba e da industria.

Arquivado en