A Escola Municipal de Música abre o prazo de matriculación para o curso 2016-2017

01/06/2016

A Escola Municipal de Música abre o prazo de matriculación para o curso 2016-2017

-Dependente da concellaría de Educación, xestionada pola socialista Raquel Bolaño, a Escola Municipal de Música imparte especialidades de Linguaxe Musical, Música e Movemento, Coro de Nenos e Adultos, clarinete, frauta travesera, guitarra, percusión, piano, saxofón, trompa, trompeta, violín e viola.


Sada, 1 xuño 2016.

A Escola Municipal de Música (EMM) de Sada é un centro de formación musical onde teñen cabida todas aquelas persoas que queiran aprender, coñecer e gozar da música sen límite de idade e sen que sexan necesarias unhas aptitudes específicas previas, contribuíndo ao acceso da música participativa.

A EMM ten unha ampla oferta educativa, instrumental e vocal, aberta a todas as tendencias musicais. Desde a escola promóvese a apreciación e o coñecemento da música desde a infancia e desenvólvese o interese pola participación en diversas agrupacións instrumentais e vocais.

Outro dos obxectivos da escola é fomentar a repercusión da actividade musical do centro no noso municipio, organizando e participando en diferentes actividades, concertos e festivais.

Dependente da concellaría de Educación, xestionada pola socialista Raquel Bolaño, a EMM forma aos futuros músicos da Banda de Música de Sada . "A educación musical e o achegamento á música abren mentes e fomentan sensibilidades e formas de percibir a vida" sinala a concelleira Bolaño quen ademáis valora “o esforzo dos mozos  sadenses no estudo da música e na aprendizaxe da especialidade de cada instrumento.”

ESPECIALIDADES QUE SE IMPARTEN

Para o próximo curso a Escola Municipal de Música  de Sada impartirá especialidades de Música e Movemento I para alumnos/as desde os 5 anos e Música e Movemento II para alumnos/as desde 6 anos. Ademais impartirase Linguaxe Musical desde o primeiro ao quinto curso e Linguaxe Musical para adultos.

En canto aos instrumentos a EMM oferta especialidades de clarinete, frauta travesera, guitarra, percusión, piano, saxofón, trompa, trompeta, violín e viola. Ademais a EMM imparte clases de Coro infantil e de adultos, ambos sen custo.

Este ano, exclusivamente para o alumnado que curse primeiro de Linguaxe Musical no presente curso, a Escola Municipal de Música oferta dúas novas prazas de clarinete duas de frauta travesera así como dúas de percusión e unha praza de piano, guitarra, trompa, trompeta, violín e viola, respectivamente.

No caso de acceso de novo alumnado para o curso Música e Movemento I o neno ou nena deberá ter cumpridos os 5 anos de idade antes do 1 de Xaneiro de 2017.

Os impresos para a preinscrición de novo alumnado e para a renovación do actual  están dispoñibles na Casa da Cultura, no Rexistro Xeral do Concello, na Oficina da Xuventude e tamén poden descargarse da web municipal. A inscrición haberá que realizala no Rexistro Xeral do Concello en horario de Luns a Venres de 9 a 14 horas e sábados de 9 a 13 horas.

O prazo de preinscrición do novo alumnado así como para a renovación de matrícula ábrese desde hoxe ata o 9 de xuño e a listaxe de prazas vacantes de instrumentos para o alumnado que cursou primeiro de Linguaxe Musical no presente curso 2015/2016 farase público no taboleiro de información da escola o 27 de Maio.

Arquivado en:
Novas. Educación, xuventude e saúde.

Temas:
Formación. Educación. Cultura.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.