O obxectivo do Concello é que a piscina poida estar aberta ó público a comezos de verán e ata mediados de setembro. O Concello xa comezou os primeiros traballos de limpeza da contorna para preparar a infraestrutura para a súa apertura
O Concello de Sada e Sargadelos veñen de asinar un novo convenio para continuar colaborando, como en anos anteriores, na apertura da piscina do Castro, coñecida como Pia do Loureiro, e propiedade do grupo cerámico. Un ano máis a veciñanza de Sada poderá contar con esta infraestrutura aberta grazas ás xestións realizadas polo executivo municipal, tal e como ven acontecendo dende 2016, coa excepción dos anos da pandemia.
O convenio que o Concello asinou con Sargadelos amosa o compromiso do Goberno local de levar a cabo aquelas obras de mellora que fosen necesarias para a súa apertura. Así mesmo, o Concello amosou o seu interese nun terreo lindeiro á piscina para adaptalo como aparcadoiro para os usuarios que se acheguen a desfrutar a infraestrutura acuática. Ademais destes investimentos e dos gastos de mantemento derivados do seu uso, o Concello de Sada asumiría os gastos derivados da contratación do servizo de socorrismo.
Esta mesma semana comezaron os primeiros traballos para adaptar a instalación ao seu uso público. En vindeiras semanas irán executándose aquelas obras que sexa preciso acometer para proceder á apertura da Pía en condicións de seguridade.
O goberno local amosa a súa satisfacción por ter logrado un ano máis esta apertura ó público, que complementa a oferta de actividades do Concello de cara á tempada de verán.