XI FEIRA MODERNISTA SADA 2022

13 / XUL / 2022

XI FEIRA MODERNISTA SADA 2022

A Feira Modernista de Sada deixa atrás o “modo confinamento” e, do mesmo xeito que a famosa “gripe española” afectou á vida social no inicio da segunda década do s.XX, un século máis tarde podemos animarnos a quitar o xesto serio e a saír á rúa para evocar unha época e unha corrente artística singular: o Modernismo.

A REVISTA MODERNISTA

A Feira Modernista seguirá a pegada do Modernismo, que perdura en motivos arquitectónicos de Sada e no emblemático edificio La Terraza. Ao seu redor organizaremos unha chea de propostas culturais, lúdicas, de artesanía e sobre todo de convivencia, na que animamos a veciñas e veciños a recrear o ambiente social da época, cada quen segundo a súa visión e a súa capacidade para saltar atrás no tempo.

A programación incluirá actuacións musicais, artes escénicas e diferentes actividades recreativas e artísticas en varios puntos da vila. Vehículos clásicos circularán polas nosas estradas, bicicletas antigas sairán de ruta polas nosas rúas, os tradicionais xogos de madeira encherán os xardíns e xuntas trataremos de revivir o espírito dese tempo pasado, arredor dos inicios do s. XX, que quedou prendido para sempre da pel de Sada e da nosa memoria colectiva.

A programación complétase con actividades destinadas a público infantil e familiar, fotografía con cámara escura, exhibicións de danza, obradoiros, exposición de artesanía e mercado de curiosidades, paseos en autobús antigo e actividades de participación popular, como o pic-nic nos xardíns.

Esta proposta converteuse nunha cita referencial para a localidade, xerando un gran afecto e participación por parte da cidadanía e atraendo un gran número de visitantes doutras localidades. A capacidade de convocatoria foise incrementando edición tras edición, e a participación activa de asociacións e colectivos veciñais está permitindo incluír novos contidos na programación.

 

PROGRAMA:

VENRES 29:

17:00h.: APERTURA MERCADO MODERNISTA / Lecer XARDÍNS DO PASEO MARÍTIMO

O mercado modernista ofrecerá á veciñanza e aos visitantes que se acheguen unha variedade de produtos de artesanía, presentados cun gusto especial pola estética, incluíndo antigüidades, complementos, bixutería, xoguetes, alimentación…

 

17:00-20:00h.: AS MODERNAS SAEN DE PASEO / Artes escénicas XARDÍNS DO PASEO MARÍTIMO E RÚAS DO CENTRO URBANO

Elas son modernas pero gardan a memoria da Sada de inicios do s. XX. Van saír das fotografías en branco e negro e nas antigas noticias de prensa nas que estaban encerradas. Saíde á rúa e elas irán ao voso encontro. Unha proposta orixinal e divertida pero que ademais está “baseada en feitos moi reais”... e moi sadenses…

 

17:00-20:00h.: CARAVANA DE XOGOS TRADICIONAIS / Lecer XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

As persoas son verdadeiramente máis humanas cando xogan. No noso xardín caben moitos xoguetes de madeira, de tradición e de creatividade, e moitas horas de xogo para encher de esa boa humanidade as tardes da Feira Modernista.

 

18:00-20:00h.: COMPLEMENTOS CON “PAJARITAS A VOLAR” / Obradoiro - CARPA “MODERNÍZATE” - MERCADO MODERNISTA

O noso público grande e pequeno poderá demorar un tempo nesta parada da Feira Modernista para crear, con materiais de calidade e baixo a guía e consellos de monitores especialistas, paxariñas e complementos. Poderás darlle un toque estético e de clase ao teu vestiario… e todo coas túas mans! Participación de balde

 

18:30h.: NELSON QUINTEIRO: PEQUEÑO CABARET INFANTIL / Artes escénicas PRAZA DA TERRAZA

Non perdades a oportunidade de contemplar en acción ao mestre de cerimonias, Pedrito Mendrugo, coa súa incrible pulga Jacinta Florette, cun espectáculo de cabaret que está a percorrer todas as vilas de Galicia. Dende a súa barraca de feira, Pedrito e Jacinta contarán os contos máis oídos dun xeito nunca visto.

 

19:00h.: ARQUITECTURA MODERNISTA EN SADA E A CORUÑA / Divulgación CAPELA DE SAN ROQUE

Charla didáctica na que o arquitecto Alberto Fuentes Valcárcel, membro do colectivo coruñés ArtNouveauCoruña, axudaranos a descubrir esas xoias da arquitectura modernista que nos contemplan dende as rúas das poboacións da nosa contorna e que, en moitas ocasións, permanecen escondidas á nosa ollada.

 

19:00h.: OBRADOIRO DE SWING CON LITTLE SAVOY SWING / Danza - PRAZA DA TERRAZA

A Feira Modernista 2022 vai estar chea de propostas musicais e sabemos que o que che gusta é bailar… así que aquí vas ter oportunidade de aprender a danzar ao ritmo das músicas de vangarda! E non aceptamos escusas: o obradoiro está aberto a todo tipo de persoas con todo tipo de nivel previo. A danzar, modernistas!!

 

20:00h.: POMPER: ESPECTÁCULO DE POMPAS XIGANTES / Artes visuais XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

Pomper propón un espectáculo moi visual no que a beleza e fraxilidade das pompas, de todos os tamaños e formas, farán as delicias do público da nosa feira. Case parece cousa de maxia, pero o que nos queda claro é que a fin e ao cabo, o mundo é unha pompa. Ao remate do espectáculo, Pomper proporá un obradoiro para que o noso público poida vivir a experiencia de crear pompas xigantes.

 

20:30h.: PASARRÚAS CON DIXIE KINGS / Música dixie-land VARIAS RÚAS

Este sexteto do jazz máis tradicional inundará as nosas rúas con música dos anos 10 e 20 do s. XX. Con eles poderemos evocar as músicas que se atopaban moitos sadenses que emigraron aos EE.UU. Con Dixie Kings convidámoste a dar un paso atrás, pero só no tempo, e a facer que bailen as rúas ao son da música jazz en directo.

 

21:00.: CONCERTO: DIXIE KINGS & PATY LESTA / Música dixie e jazz vocal ESCENARIO MODERNISTA

A impresionante voz de Paty Lesta transmitirá a emoción dos grandes clásicos do jazz coa sensibilidade e a enerxía que sempre acompañan ás súas interpretacións. Esta primeira noite da XI Feira Modernista as notas do dixie e o jazz tradicional levarannos da man para evocar un pasado musical no que a túa participación non pode faltar para que a maxia sexa completa.

 

22:00.: GALICIAN TRAD CABARÉ: FALA-ME! / Música cabaré-tradicional ESCENARIO MODERNISTA

O movemento artístico do modernismo caracterizouse pola exploración, por romper corsés e por buscar novas vías de expresión, como a que impos poñer en escena esta noite: unha fusión entre o cabaret e a música e a danza tradicionais, un espectáculo no que a lingua e o empoderamento danse a man buscando provocar a través da poesía, a danza e a música.

SÁBADO 30:

11:00h.: RUTA GUIADA: ARQUITECTURA MODERNISTA EN SADA / Didáctica RÚAS DO CENTRO URBANO

Un paseo didáctico polo centro urbano e a Tenencia da man de Alberto Fuentes e ArtNouveau Coruña. O mellor xeito de distinguir as pegadas do Modernismo nas nosas rúas. Ven participar e aprende a mirar Sada con outros ollos. A participación é libre e de balde. Saída dende a praza da Terraza. Grupo de máximo 25 persoas.

 

12:00h.: MERCADO MODERNISTA / Lecer - XARDÍNS DO PASEO MARÍTIMO

O noso mercado modernista abrirá as súas portas durante todo o día para ofrecer ao público a súa selección de produtos. Horario: 12:00 – 23:00h.

 

12:00-14:00h. e de 17:00-20:00h: XOGOS TRADICIONAIS / Lecer XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

A Feira Modernista sigue enchendo o seu xardín con xogos e xoguetes de toda a vida, ofrecendo horas e horas de diversión tradicional.

 

12:00h-14:00 e de 18:00-20:00.: PASEO DE BICICLETAS ANTIGAS / Lecer deportivo PASEO MARÍTIMO

A bicicleta acadou unha grande popularidade coincidindo co período modernista, pasando a ser unha opción de transporte moi estendida. Así foi que se converteu nun motivo que moitos pintores modernistas retrataron, como mostra do seu uso na sociedade da época. Propoñémosvos recrear ese auxe das dúas rodas evocando un paseo en bici polo paseo marítimo. Ideal se a vosa bici é clásica, pero aínda que non o sexa abonda con que participedes coa vosa vestimenta máis modernista.

 

12:00-20:00h.: FOTÓGRAFO DE ÉPOCA - XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

Non deixes de reclamar o servizo da nosa parella de auténticos artistas do retrato! Con cámaras de tipoloxía “cámara escura”, retratarán no seu paso pola feira aos nosos distinguidos visitantes capturando a beleza do momento e do seu vestiario.

 

12:00-14:00h e de 17:00-21:00h: PASEO NO AUTOBÚS MODERNISTA / Lecer SAÍDAS DENDE A PRAZA DE LA TERRAZA

Un pintoresco autobús clásico, cunha segunda planta de asentos dispostos ao aire libre, ofrecerá pequenos paseos por Sada, con punto de inicio e finalización na praza da Terraza. Os paseos serán gratuítos e sairán cada 30 minutos. Pero lembra que estará dispoñible exclusivamente para aquelas persoas que leven un vestiario axeitado á temática da feira.

 

13:00h.: MODERNISMO EN DANZA: ESCOLA “CARMEN LÓPEZ” / Danza ESCENARIO MODERNISTA

A danza sube ao noso escenario modernista: o ballet e o cabaret serán os principais estilos cos que as escolas de danza de Sada agasallarán os vosos ollos. Nesta ocasión, a escola de Carmen López inspirarase nas liñas expresivas da danza de Isadora Duncan e creará coreografías que ligarán o pasado e a modernidade, co seu corpo de bailarinas e bailaríns de todas as idades. Danza e das nosas artistas locais para encher de ritmo a nosa feira.

 

13:30h.: AS MODERNAS VAN DE VODA / Artes escénicas VARIAS RÚAS DO CENTRO URBANO

As nosas modernas saen ao encontro co público recreando diferentes aspectos da vida social de inicios do s.XX. Como sería unha voda celebrada naquela época? Non te preocupes por se coñeces á noiva ou ao noivo… estás convidad@!!

 

14:00-18:00h.: EXPOSICIÓN BICICLETAS ANTIGAS / Lecer deportivo PRAZA DE LA TERRAZA

Despois de percorrer o paseo marítimo e repoñer forzas gozando das bondades da gastronomía local, o grupo de ciclistas modernistas parará para darse unha volta polo noso mercado. As bicicletas clásicas quedarán en exposición pública na praza da Terraza. Non perdas esta oportunidade para botar un ollo a estes modelos de vangarda.

 

17:00h: RUTA GUIADA: ARQUITECTURA MODERNISTA EN FONTÁN/Didáctica RÚAS DO BARRIO DE FONTÁN

A feira ofrécevos a posibilidade de aprender a distinguir as pegadas do Modernismo nas fachadas das nosas rúas. Nesta ocasión o paseo levaranos ao barrio de Fontán, unha das estampas máis pintorescas e recoñecibles da paisaxe urbana de Sada. A participación é libre e de balde. Saída dende a Casa da Cultura. Grupo de máximo 25 persoas.

 

17:00h: RECREACIÓN “AS REDEIRAS”: AS MODERNAS /Artes escénicas RÚAS DO CENTRO URBANO

As nosas Modernas non descansan un minuto! Na súa vontade de representar a memoria social da época, recrearán un oficio indispensable na vida cotiá sadense: as redeiras. Ollo, que entre conto e conto seguro que perderás a noción do tempo e caerás nas súas redes.

 

17:30h: OBRADOIRO DE IMPRENTA CON ALOUETTE MACHINE / Obradoiro XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

No noso mercado poderás atopar todo tipo de opcións de lecer, incluso terás a oportunidade de aprender a realizar impresións artísticas sobre papel, recuperando técnicas artesanais con materiais de época. Unha proposta obxectivamente “impresionante”.

 

18:00h: RECREACIÓN “AS LAVANDEIRAS”. AS MODERNAS /Artes escénicas RÚAS DO CENTRO URBANO

As nosas Modernas despediranse desta edición da Feira cunha última estampa da vida social de inicios do s. XX, como son as incansables lavandeiras. As tarefas do día a día recreadas cun punto de humor pero con base histórica real. As nosas Modernas aproveitarán para lavar “os trapos sucios” diante do noso público, sen filtros nin complexos.

 

18:30-21:30h: ILUSIONISMO E ADIVINACIÓN CON MAGO GADALKA / Maxia ENTRADA AO MERCADO MODERNISTA

Gadalka é un adiviño, un mago e unha personaxe sorprendente. A súa cabina de videncia estará situada nunha das entradas ao mercado modernista e estará encantado de atenderte e agasallarte cos seus poderes de adiviñación e cun microespectáculo de maxia de cerca.

 

19:00h: A TROPA DO DOUTOR MILAGRE /Artes escénicas PRAZA DE LA TERRAZA

A nosa feira recibirá unha visita moi agardada: o Expreso do Doutor Milragre, cargado cos seus “efectivos” produtos que remedian todo tipo de males… de resultados garantizados! Dende o seu autobús reciclado repartirá solucións a todo tipo de problemas, todo acompañado de música, improvisación, baile, comedia, maxia… e todo o que cabe nun gran show de venta ambulante. Pasen e sorpréndanse!

 

20:00h: CONCERTO DE VENTO-METAL CON BRASSADA / Música BULEVAR DAS MARIÑAS

O sexteto BrasSada ofrecerá un concerto de rúa, cun repertorio clásico que nos vai permitir gozar dos compositores modernistas máis nomeados.

 

21:00.: CONCERTO: POR MI SWING! / Música swing jazz ESCENARIO MODERNISTA

Abrimos a noite de concertos con esta formación especializada na música swing. Un concerto pensado e deseñado para non parar de bailar cos ritmos swing máis clásicos e a calidez do seu trío vocal.

 

22:30.: CONCERTO: ZAFRA JAZZ / Música dixie e jazz vocal ESCENARIO MODERNISTA

Rematamos a noite de concertos con Zafra, unha formación que nos envolverá cos sons máis orixinais do jazz, remontándonos no tempo ata os inicios deste estilo musical no s. XX. Zafra farate sentir noutra época e transportarate coa extraordinaria calidade da súa vocalista. Un concerto que promete encher de enerxía a nosa feira para poñer o peche a este segundo día de celebracións.

DOMINGO 31:

12:00h.: MERCADO MODERNISTA / Lecer - XARDÍNS DO PASEO MARÍTIMO

Último día para visitar o noso mercado modernista que abrirá as súas portas durante todo o día para ofrecer ao público a súa selección de produtos. Horario: 12:00 – 22:00h.

 

12:00-20:00h.: FOTÓGRAFO DE ÉPOCA - XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

Lévate o mellor recordo do teu paso pola XI Feira Modernista. Con cámaras de tipoloxía “cámara escura”, os nosos fotógrafos de época retratarán o teu mellor perfil modernista.

 

12:00h: OBRADOIRO SENSORIAL / Obradoiro XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

O noso mercado ofertará unha nova opción de lecer, esta vez pensada tamén para a “xente miúda”. Achégate a participar neste obradoiro no que xogaremos con diferentes obxectos para poñer a proba a túa sensibilidade. Os obxectos e materiais antigos axudarannos a recrear e mesmo tocar o espírito dunha época. Participa e deixa que a XI Feira Modernista estimule os teus sentidos.

 

12:00-14:00h. e de 17:00-20:00h: XOGOS TRADICIONAIS / Lecer XARDÍNS DO MERCADO MODERNISTA

Na nosa Feira temos o segredo para aportar máis vida a cada minuto: xogar! O mercado modernista seguirá cheo de opcións lúdicas, con xogos e xoguetes de toda a vida, ofrecendo horas e horas de diversión tradicional.

 

13:00-18:00h.: EXHIBICIÓN DE VEHÍCULOS CLÁSICOS / Lecer PRAZA DE LA TERRAZA

A fascinación polas máquinas creada pola man humana foi unha constante na época do Modernismo, onde o mundo se abraiaba por constantes avances tecnolóxicos e sociais. O xurdimento e a popularización dos vehículos utilitarios causou sensación naquel momento, e segue fascinándonos hoxe en día. A nosa Feira recibirá a visita dunha comitiva de vehículos clásicos, que pararán na praza da Terraza creando unha estampa típica dun tempo pasado.

 

14:00h.: PICNIC POPULAR / Convivencia - XARDÍNS DO PASEO MARÍTIMO

O domingo é un día especial de celebración. Neste último día da feira convidamos ás persoas que nos acompañen a traer as súas viandas aos xardíns do paseo marítimo para compartir un xantar. Cada grupo poderá traer mantas ou mesas e cadeiras sobre as que despachar os máis ricos manxares que teñan a ben cociñar.

Durante a comida contaremos con actividades de animación:

14:00h – PIZARRACLETA. Unha bicicleta musicalizada que percorrerá os xardíns do paseo marítimo pinchando auténticos e vetustos discos de pizarra. As voces máis populares do momento conxeladas no tempo e nos sucos destas obras de arte de pizarra amenizarán o tempo do xantar.

14:30 - RECREACIÓN TEATRALIZADA: AS BAÑISTAS. As quentes augas da Praia Nova serán unha tentación irresistible para un grupo de bañistas. Lucindo os seus traxes de baño á última moda, sen ensinar nin un centímetro de pel e cumprindo con todas as normas do decoro e a prudencia, atravesarán o picnic solicitando, quizáis, quelle botes unha man coa toalla… ou que estendas un pouco de crema bronceadora na súa branca pel. Unha recreación cómica que seguramente terminará nun refrescante chapuzón de risas.

 

18:00h.: OBRADOIRO DE DANZA CON GHASTAS PISTA / Danza PRAZA DA TERRAZA

Non ides poder deixar de mover os pés con esta proposta. O colectivo Ghastas Pista ofrecerá un obradoiro de danza lindy hop, un dos estilos do swing. A proposta ideal para animar a festa na tarde do domingo a ritmo de swing clásico. O obradoiro de danza continuará cunha pinchada musical para que todas e todos poidades poñer en práctica as habilidades adquiridas… pero aínda haberá máis: a banda musical de Ghastas Pista ofrecerá un pequeno concerto que contará co acompañamento das profesoras de baile da compañía. Todo un espectáculo completo para mover ao público da XI Feira Modernista!

 

17:00-21:00h: ESCAPISMO MODERNISTA / Xogo de escape CARPA “MODERNÍZATE” _MERCADO MODERNISTA

Un misterio permanece oculto entre nós dende hai xa 100 anos, esquecido na memoria sadense, perdido no tempo pero desexando ser descuberto e celebrado novamente. Unha personaxe portadora de modernidade está agardando por unha mente sagaz que a saque da escuridade do olvido… seguro que serás ti!. Non te perdas o grande reto que se agocha nas rúas e xardíns de Sada. Achégate á carpa “MODERNÍZATE” entre as 17:00h e as 21:00h… e pon a proba o teu enxeño.

 

18:30-21:30h: ILUSIONISMO E ADIVINACIÓN CON MAGO GADALKA / Maxia ENTRADA AO MERCADO MODERNISTA

O mago Gadalka continuará adiviñando o futuro a propios e estrañas, dende a súa cabina de adiviñación. Non deixes de achegarte a descubrir que che depara o destino… e a gozar cos seus trucos de maxia de cerca.

 

19:00.: CONCERTO: GHASTAS PISTA / Música e danza swing jazz - ESCENARIO MODERNISTA

Ghastas Pista remata a súa actuación cun segundo pase do seu espectáculo de música e baile swing, no que se potenciarán os valores da igualdade e o cuestionamento dos roles de xénero habituais, tanto na súa sección rítmica como nos roles asumidos polas súas bailarinas. Un espectáculo no que todas e todos teredes tamén o voso rol: bailar sen descansar!. 

 

22:00.: CONCERTO: LA HABITACIÓN DE LA MÚSICA / Música swing vocal - ESCENARIO MODERNISTA

Rematamos a noite e poñemos o peche musical á XI Feira Modernista co concerto desta formación musical que fará un repaso aos clásicos do jazz recreando o famoso Cotton Club.

 

ADEMÁIS DIARIAMENTE…

Exposición de fotografías antigas sobre Sada. Colectivo “Memoria de Sada”.

Comercio local ambientado. Campaña de regalo postal con cada compra (en comercios asociados).

Fío musical na Rúa Linares Rivas.

Arquivado en