
Os arquitectos asinantes do proxecto de rehabilitación estiman o investimento necesario en 376.000 euros. Dende o pasado ano a fachada da Capela está reforzada cun sistema de suxeición que obrigou ó peche desta instalación municipal
O Concello de Sada continúa dando pasos para executar a rehabilitación e reforma integral da Capela de San Roque. A actuación prevista ten como obxectivo garantir a estabilidade estrutural do edificio, corrixir as patoloxías detectadas nos distintos estudos realizados nestes pasados meses e mellorar o seu estado de conservación, respectando en todo momento o seu valor patrimonial.
O Concello contratou este proxecto de rehabilitación ós arquitectos Jorge Aragón Fitera e Manuel J. Freire Tellado. Entre as actuacións previstas destaca, en primeiro lugar, a retirada da fonte contigua á fachada norte, identificada como a causa principal dos problemas de cimentación. A partir de aí, executarase unha mellora do terreo mediante a inxección de resinas expansivas, unha técnica non destrutiva que permite consolidar o solo e estabilizar o edificio. Este sistema complétase coa instalación de micropilotes que reforzarán a capacidade de carga do terreo baixo os muros. Así mesmo, procederase á reconstrución dos muros afectados, cosendo as gretas existentes e saneando as zonas afectadas por humidades, así como a rehabilitación da estrutura metálica do campanario, substituíndo aquelas pezas que non sexan recuperables.
Estes traballos están orzamentados inicialmente en 376.000 euros. Parte deste investimento é intención do goberno local que sexa sufragado con cargo ó POS Adicional da Deputación. A proposta do equipo de goberno será debatida no pleno ordinario deste xoves.
O goberno local continúa así avanzando para poder acometer esta necesaria intervención, seguindo un proceso rigoroso e con todas as garantías técnicas e patrimoniais. Trátase dun inmoble protexido, polo que foi preciso realizar distintos estudos previos que permiten coñecer con precisión as causas dos problemas estruturais detectados. Entre eles, foi necesario solicitar autorización a Patrimonio e contratar un estudo arqueolóxico específico, fundamental para avanzar no diagnóstico das razóns que están a provocar os asentos do edificio e definir a solución máis axeitada.
O goberno local reafirma así o seu compromiso coa conservación e posta en valor do seu patrimonio arquitectónico, garantindo a seguridade do edificio e mellorando as condicións para o seu uso cultural e expositivo por parte da veciñanza.
(Fotografía: MEMORIAS DE SADA)