Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer o procedemento, criterios de valoración e condicións da concesión de postos para exercer a venta ambulante dentro do mercado da XIV Feira Modernista de Sada.
08/07/2025 - PUBLICACIÓN DAS BASES POLAS QUE DEBE REXERSE A CONVOCATORIA DE POSTOS NO MERCADO MODERNISTA 2025, A CELEBRAR DENTRO DO MARCO DA XIV FEIRA MODERNISTA, OS DÍAS 1, 2 E 3 DE AGOSTO
ANEXO I
DECRETO DE APROBACIÓN DAS BASES MERCADO MODERNISTA 2025
1. OBXECTO
A Concellería de Cultura pretende con esta convocatoria ofertar publicamente 24 postos no mercado, coas seguintes categorías e conceptos:
- 22 postos para venda de produtos de artesanía, antigüidades, oficios tradicionais ou venda de alimentos artesás ou ecolóxicos.
- 1 posto destinado a bebidas e coctelería.
- 1 posto destinado a repostería e/ou xeadería.
O Mercado Modernista proponse como elemento reforzador da oferta de contidos culturais e de lecer do programa da XIV Feira Modernista, a celebrar os vindeiros 1, 2 e 3 de agosto.
A actividade contribúe a desenvolver as competencias municipais no eido da promoción cultural e da ocupación do tempo libre, así como as de organización de feiras, mercados e comercio ambulante ou as de promoción da actividade turítica no ámbito municipal, recollidas no artigo 25 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
Poderán presentar solicitude as persoas físicas e xurídicas que teñan capacidade de obrar no ámbito da venda ambulante ou dos sectores de actividade descritos, que se comprometan a ambientar e decorar os seus postos con elementos que evoquen os principios estéticos do movemento artístico modernista, e que se impliquen na
recreación do espírito e os costumes sociais contemporáneos da mesma.
As persoas autorizadas a realizar a venda ao público nos postos do Mercado Modernista deberán caracterizarse e empregar unha vestimenta que axude a recrear e evocar a época e os principios estéticos do movemento modernista.
2. NORMATIVA APLICABLE
- a. Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
- b. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
- c. Ordenanza municipal núm. 16, reguladora da taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións situadas en terreo de uso público, industrias da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica (BOP núm. 183 do 09.08.2008)
- d. Ordenanza municipal non fiscal reguladora da venda ambulante (BOP núm. 236 do 13.12.2023)
3. TAXAS
A actividade do Mercado Modernista non estará suxeita ao pago de taxas, con base no que establece o artigo 2.2.a) da Ordenanza Municipal núm. 16
4. QUEN PODE PARTICIPAR?
Poderán presentar solicitude de participación as persoas físicas ou xurídicas que acrediten o capacidade para desenvolver actividades compatibles co obxecto do mercado, como son a venda de produtos artesanais, a venda polo miúdo ou a elaboración e venda de alimentación.
A participación implicará o compromiso de caracterizar a vestimenta e decorar os postos segundo a temática da feira. Para acreditar capacidade, deberán estar dados da alta no IAE (modelo 036) en calquera dos epígrafes que lle permita a venta de produtos artesanais ou o comercio minorista ou cumprir cos requisitos legais para
realizar a actividade que corresponda.
As persoas solicitantes deberán cumprir os requisitos esixidos na Ordenanza municipal reguladora da venda ambulante, que se detallan na base 6. Ademais, no caso de que se reciba un número de solicitudes superior ao número de postos convocados, as solicitudes deberán pasar un proceso de baremo e selección, aplicando os
criterios descritos no punto 8 destas bases.
5. COMO SOLICITAR POSTO?
As solicitudes poderán presentarse por medios electrónicos no Rexistro Xeral do Concello de Sada, ou ben a través dos demais medios que se establecen no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As solicitudes presentaranse de forma telemática a través da sede electrónica (sede.sada.gal). As persoas físicas poderán escoller entre a presentación telemática ou a presencial, segundo se indica no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Empregarase o procedemento de «solicitude xeral» que se atopará na sede electrónica municipal (sede.sada.gal), anexando tanto o modelo específico do Mercado Modernista (ANEXO I) como a documentación requirida na Ordenanza municipal reguladora da venda ambulante, que se detalla na base 6.
Obrigatoriamente presentarán a solicitude por medios electrónicos as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas que actúen na súa representación.
O prazo de solicitude abrirase a partir do día seguinte ao da publicación destas bases na web municipal (www.sada.gal), onde tamén estará dispoñible para descarga o modelo de solicitude (ANEXO I).
O prazo de solicitude será de 10 días naturais a contar dende o día seguinte da publicación das bases reguladoras.
O persoal do departamento de cultura instruirá as solicitudes. No caso de solicitudes incompletas ou que non reúnan os requisitos establecidos, as persoas interesadas recibirán un requirimento para emendalas, dispoñendo dun prazo máximo de 5 días hábiles, acurtado para este procedemento debido á facilidade de obtención da documentación necesaria. No caso de non responder ao requirimento, entenderase o desestimento da solicitude consonte o art. 68 da Lei 39/2015.
6. QUE DOCUMENTACIÓN HAI QUE PRESENTAR?
- a. Modelo de solicitude (ANEXO I)
- b. Copia do NIF da persoa interesada
- c. No caso das persoas xurídicas acompañarase da acta de constitución ou dos estatutos, así como do DNI da persoa que actúe na súa representación
- d. Certificado de situación no censo de actividades económicas da AEAT
- e. Alta de autónomos e copia do último recibo mensual
- f. Copia da póliza do seguro de RC e copia do xustificante do último recibo (ou ben certificado de vixencia da póliza emitido pola entidade aseguradora)
- g. Carné de manipulador de alimentos (no seu caso)
- h. Carta de artesán ou marca de artesanía (no seu caso)
- i. Dossier descritivo que inclúa:
- Descrición da actividade, dos produtos que se porán á venda, incluíndo fotografías e sinalando a % de produtos realizados a man pola persoa solicitante e a % de produtos de revenda
Descrición de posibles actividades complementarias que poida incluír a proposta
Descrición e imaxes (si é posible) da proposta de ornamentación de temática modernista e do
vestiario ou caracterización das persoas que atendan o posto.
7. CAL É O PROCEDEMENTO DE AUTORIZACIÓN?
O persoal da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) será o encargado de instruír os expedientes, comprobar que se cumpran os requisitos esixidos e requirir as emendas en caso necesario (base 5ª). Tamén formulará a proposta da listaxe de solicitudes que se propoñen para autorización, así como as posibles solicitudes que se propoñan para denegación, polos motivos que correspondan.
Á finalización do proceso a Alcaldía emitirá a resolución de autorización e denegación de solicitudes, que se lle notificará ás persoas interesadas.