Sada recibe da Deputación preto de dous millóns de euros

21 / XUL / 2016

Sada recibe da Deputación preto de dous millóns de euros

O alcalde de Sada, Benito Portela, recibiu onte ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen destacou os distintos plans de investimentos provinciais que están a financiar desde a Deputación, en cooperación co concello de Sada .

González Formoso, acompañado do deputado José Manuel Pequeño, e de varios técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación, visitou a primeira hora da mañá o Concello de Sada, onde foi recibido no Salón de Plenos municipal polo alcalde, Benito Portela, e polos membros da corporación sadense.

Declaracións do alcalde de Sada e do presidente da Deputación

Sada, 21 de xullo

Portela lembrou que se trata da segunda visita do presidente ao municipio, tras a realizada o pasado 31 de marzo, o día despois das inundacións que asolagaron o centro do municipio. "Valentín soubo estar cos veciños de Sada nun momento moi complicado e agredecémosllo e témosllo en conta", afirmou o rexedor sadense, que apuntou tamén que o goberno local planteará certos proxectos ás diferentes adminsitracións, co obxecto de atender "a prioridade" que supón evitar que estes sucesos volten a repetirse.

O presidente provincial apuntou que os diferentes plans provinciais supuxeron no último ano para Sada unha inxección económica de preto de un millón de euros, a través de programas provinciais como o POS, o PAS, o PAI, o Plan de Medioambiente ou o Plan de Emprego.

Uns investimentos que se materializarán en obras como a pavimentación das rúas do Río e da Obra, o saneamento do lugar de Lamela (Carnoedo), a reordenación do tráfico ciclista no paseo marítimo ou a mellora de camiños municipais na parroquia de Soñeiro, todas elas obras financiadas con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación, do que Sada recibe 749.000 euros.

Outros programas como o POS financiarán a mellora da accesibilidade ao campo de fútbol de As Mariñas e de parques infatís do municipio, como o de Souto, mentres que o Plan de Aforro e Investimento (PAI) permitirá ao concello sadense renovar o seu parque móbil e a adquirir nova maquinaria.

"Son investimentos que se plasman en obras concretas e que contribúen a mellorar a calidade vida dos veciños", afirmou González Formoso, que subliñou ademáis que con esta forma de distribución obxectiva de fondos permite aos concellos establecer as súas prioridades á hora de programar os investimentos e axudan tamén ao mantemento do emprego, ao xerar actividade.

Neste sentido, apuntou que Sada é un dos concellos máis beneficiados polo novo Plan de Emprego Local (PEL), que por primeira vez ten en conta a taxa de paro do municipio en lugar de atender exclusivamente a un criterio de poboación á hora de destinar fondos para o fomento do emprego

Así, o municipio sadense pasa dos 11.400 euros que lle correspondían o ano pasado aos 52.000 de 2016, quintuplicando os recursos, o que lle permitirá contratar máis persoal durante máis tempo para mellorar os servizos públicos.

Máis de medio millón de euros en mellora de estradas

Tras a recepción oficial no Concello, o presidente provincial, o alcalde e o deputado de Vías e Obras visitaron as obras, xa prácticamente rematadas, de construción dunha senda peonil na DP 7504 de Castelo a Carnoedo, nas que a Deputación investiu 320.000 euros, e que contribúe a mellorar a seguridade dos peóns nun tramo moi transitado duns dous quilómetros de lonxitude.

Posteriormente, a comitiva desprazouse ata Meirás, onde supervisaron as obras da estrada provincial DP 5812, que conecta con Santa Cruz (Oleiros), onde se efectuaron traballos de pavimentación nunha superficie de máis de 14.000 metros cadrados de estrada nos dous primeiros quilómetros do vial, pertencentes ao termo municipal de Sada, en unha senda peonil, xa no termo municipal oleirense.

Proxecto canalización pluviais

Pola sua parte o alcalde de Sada, Benito Portela, adiantou que presentará un proxecto de canalización de pluviais que mellorará a rede en varias zonas como As Brañas e na rúa Ponte. 

Arquivado en