Sada anuncia unha segunda liña de axudas para autónomos e PEMES

05 / OUT / 2020

Sada anuncia unha segunda liña de axudas para autónomos e PEMES

A Corporación aprobou a adhesión ao programa PEL-reactiva da Deputación, un Fondo de financiamento para os Concellos con vistas a paliar os efectos negativos da COVID-19 no tecido empresarial local, autónomos e autónomas e microempresas, e impulsar a actividade económica e o emprego, por un importe total de 283.014,28 €: unha achega provincial polo importe de 226.411,43 € e achega municipal de 56.602,86 €.

Sada, 6 outubro 2020

O alcalde de Sada, Benito Portela, anunciou no Pleno Extraordinario que tivo lugar onte, que o Concello abrirá unha segunda liña de axudas a autónomos e PEMES.

O anuncio produciuse no punto adhesión do Concello de Sada ao PEL-Reactiva: Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes. A través deste Fondo de financiamento corrrespóndelle ao Concello de Sada un importe total de 283.014,28 euros, cunha achega provincial polo importe de 226.411,43 euros e unha achega municipal de 56.602,86 euros, que se destinarán a axudas para autónomos e autónomas e microempresas para impulsar a actividade económica e o emprego.

O rexedor aproveitou este punto para anunciar que, logo de examinar as solicitudes presentadas dentro do plan de axudas Sada Activa para autónomos e PEMES co fin de paliar as súas perdas pola situación da COVID-19 e dado que as solicitudes presentadas non chegan ao total de 800.000 euros disposto polo Concello de Sada para esta liña de subvencións, o Goberno Municipal entende que poderá sacar “unha nova liña de axudas que se finaciará co remanente do Sada Activa e a contribución da Deputación no PEL-Reactiva”.

Ao termo do Pleno, Portela subliñou que nos vindeiros días se procederá á adxudicación das axudas do plan Sada Activa, actualmente en fase de resolución despois de que fosen notificadas todas as persoas solicitantes para a emenda de erros, e que posteriormente se anunciará a segunda liña de axudas para poder chegar a todas as empresas e autónomos.

Arquivado en