Os veciños e veciñas de Sada xa poden participar activamente nos temas municipais a través dos Consellos Sectoriais

24 / ABR / 2017

Os veciños e veciñas de Sada xa poden participar activamente nos temas municipais a través dos Consellos Sectoriais

-Hoxe reúnese o consello Ambiental, mañá o de Ensino, Infancia e Mocidade e o vernes o de Deportes. Nas dúas próximas semanas terán lugar os Consellos Sectoriais de Cultura, de Benestar Social e Muller, de Promoción Económica e o Recreativo Veciñal.

-A posibilidade de integrarse nalgún destes Consellos segue aberta para calquera persoa interesada. Todas as dúbidas e consultas en relación con este proceso poden ser dirixidas ao equipo técnico encargado do desenvolvemento do mesmo, escribindo a participasada@gmail.com, ou por teléfono, no número 608 201 251.

Sada 24 abril 2017

O proceso de creación dos Consellos Sectoriais de Sada comeza a súa recta final. Tras a realización de 65 entrevistas a diferentes asociacións, así como tres encontros participativos aos cales asistiron tanto asociacións como persoas a título individual interesadas nestes órganos de participación, durante os próximos días terán lugar as diferentes sesións de constitución dos diferentes Consellos Sectoriais.

O primeiro dos sete Consellos Sectoriais a crear será o Ambiental, prevista a súa constitución para hoxe luns 24 de maio ás 20:00 horas no Salón de Plenos municipal. Seguiralle o de Ensino, Infancia e Mocidade mañá martes 25 á mesma hora e no mesmo lugar que o anterior; e tamén coincidindo en espazo e horario, o último da semana será o de Deporte, que será o venres 28. Tras estas tres primeiras sesións, seguiralles nas dúas seguintes semanas a constitución dos Consellos da Cultura, Benestar Social e Muller, Promoción Económica e o Recreativo Veciñal.

Tal e como foi consensuado no proceso de participación veciñal, poderían formar destes Consellos Sectoriais tanto asociacións, mediante a designación de representantes, como persoas a título individual. Ademais, cada grupo político terá a posibilidade de designar unha persoa na súa representación para cada un dos Consellos a crear. En representación do Concello, deberá tomar parte o persoal político correspondente.

A posibilidade de integrarse nalgún destes Consellos segue aberta para calquera persoa interesada. Todas as dúbidas e consultas en relación con este proceso poden ser dirixidas ao equipo técnico encargado do desenvolvemento do mesmo, escribindo a participasada@gmail.com, ou por teléfono, no número 608 201 251.

Arquivado en