Deputación da Coruña e Concello de Sada concretan a cesión das estradas para a apertura do río Maior

20 / ABR / 2026

Deputación da Coruña e Concello de Sada concretan a cesión das estradas para a apertura do río Maior

O alcalde de Sada, Benito Portela, e o concelleiro de Obras e Servizos, Fernando Fariña, mantiveron esta mañá unha reunión co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, co obxectivo de concretar o procedemento para a cesión das estradas DP-0812 e DP-0813, imprescindible para a execución das obras de apertura do río Maior.

No encontro acadouse o compromiso de formalizar un convenio mediante o cal o organismo provincial procederá á cesión das dúas calzadas afectadas pola actuación. Pola súa banda, o Concello de Sada asumirá a redacción do proxecto de renovación das beirarrúas e outras melloras de seguridade viaria en ambas as dúas estradas, completando así a intervención no ámbito. A execución das obras será financiada na súa totalidade pola Deputación da Coruña, o que permitirá acometer unha actuación integral sen custo para as arcas municipais. Este convenio será elevado a pleno polo organismo provincial o vindeiro mes de maio.

A cesión destas estradas constituía un requisito imprescindible para que a Xunta de Galicia poida avanzar na licitación do proxecto de apertura do río Maior, que xa se atopa redactado. Con este acordo dáse un paso decisivo para facer realidade unha actuación estratéxica orientada a reducir o risco de inundacións na vila e que suporá, ademais, unha transformación urbana e ambiental de Sada.

Arquivado en