Esta semana rematou a tempada oficial de praias. A coordinación e supervisión do Servizo de Emerxencias Municipal co Servizo de Salvamento e Socorrismo garantiu en todo momento a dispoñibilidade de medios de seguridade e recursos materiais que permitiron a maior eficacia posible nas intervencións de socorrismo.
Dende o Concello de Sada facemos un balance positivo destes meses de verán, malia o pequeno incremento de incidencias respecto a outros anos. Entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, o servizo de salvamento, integrado por 14 socorristas e un responsable de praias, levou a cabo un total de 299 actuacións.
As incidencias máis habituais foron producidas por feridas leves, como cortes, picadas ou abrasións, que representaron o 54% das asistencias; picaduras e alerxias supuxeron o 34%, fundamentalmente derivadas da picadura de escarapotes. Ademais, realizouse o rescate dunha persoa que se atopaba en apuros mentres se bañaba e efectuáronse catro evacuacións a centros sanitarios por incidencias de maior gravidade.
Cómpre salientar tamén a atención prestada a persoas con diversidade funcional, ás que se lles facilitou o acceso á praia e o baño no mar grazas ao uso de cadeiras anfibias e outros mat3eriais e apoios técnicos.
Estes datos poñen de manifesto a eficacia do sistema preventivo, froito da combinación entre a vixilancia, a sinalización con bandeiras, os consellos dos socorristas e a rápida capacidade de resposta do dispositivo profesional. Este traballo pódese facer tamén grazas á responsabilidade da cidadanía, á que apelamos para que nestes vindeiros meses goce dos areais e da nosa costa con precaución, tendo en conta que este servizo de salvamento e socorrismo xa non estará dispoñible.