XIX Mostra de Teatro Afeccionado Sada 2026

13 / FEB / 2026

XIX Mostra de Teatro Afeccionado Sada 2026

A Concellería de Cultura convoca a XIX edición da Mostra de teatro Afeccionado pola que se promove a actividade teatral de carácter afeccionado e dar a coñecer entre a poboación sadense unha selección das montaxes escénicas contemporáneas, no eido do teatro amador. Na Mostra entregaranse os «Premios Lugrís Freire», en homenaxe e lembranza do escritor e dramaturgo sadense, un dos máximos expoñentes do teatro social galego, director da Escola Rexional de Declamación e homenaxeado coas Letras Galegas 2006. Un xurado e o público que asista aos espectáculos determinarán, a través das súas valoracións, cales serán as compañías premiadas nesta edición.

BASES DA CONVOCATORIA DA XIX MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DO CONCELLO DE SADA

ANEXO SOLICITUDE

ANEXO DECLARACIÓN RESPONSABLE

Dotación técnica auditorio municipal Sada.

 

A XIX edición da Mostra celebrarase en varios sábados e domingos consecutivos, entre o 11 e o 26 de abril de 2026.

 

QUEN PODE PARTICIPAR?

Poderán participar compañías ou asociacións que conten cun grupo de teatro afeccionado, independentemente da súa procedencia. As compañías interesadas poderán presentar solicitude para o número de obras que desexen, sen límite de temática ou xénero, tendo en conta que:

  • · Non se aceptarán a concurso obras xa seleccionadas e representadas pola mesma compañía en edicións anteriores da Mostra.
  • · Deberán empregarse os anexos de solicitude (ANEXO SOLICITUDE e ANEXO DECLARACIÓN RESPONSABLE), cubrindo todos os campos de datos descritivos e achegando os anexos que se describen na base reguladora 6ª.
  • · As compañías deberán dispoñer da autorización da autora/autor da obra para a súa montaxe e representación.
  • · Poderán presentar solicitude tanto entidades con forma xurídica sen ánimo de lucro como colectivos cidadáns sen forma xurídica.
  • · As obras poderán representarse en calquera lingua.

 

SELECCIÓN OBRAS

A XIX edición da Mostra de Teatro Afeccionado seleccionará 4 obras de entre todas as solicitudes de participación que se reciban en prazo.

A Comisión de Selección estará formada por persoal municipal, adscrito á área de Cultura, Educación, Xuventude e Deporte e poderá contar coa participación de persoal docente e elenco da Escola e da Compañía Municipal de Teatro.

A Comisión deberá seleccionar as 4 obras que participarán nesta edición da Mostra, baseándose nos seguintes aspectos:

  • · Temática da obra
  • · Estilo ou xénero teatral
  • · Proposta escénica: visión global do espectáculo, dirección teatral, ritmo, fluidez das escenas
  • · Calidade interpretativa: habilidade e talento do elenco para dar vida aos personaxes e representar o texto de xeito convincente, dicción, proxección e entoación, credibilidade das personaxes
  • · Calidade do texto/guión: a súa estrutura e a coherencia da acción, a construción dos personaxes coas súas motivacións e personalidade, a orixinalidade e a capacidade da trama para atraer a atención
  • · Impacto emocional: capacidade do elenco para transmitir emoción e comunicar a temática tratada, capacidade do espectáculo para manter o interese do público, reacción emocional que provoca

Ademais, a Concellería de Cultura incluirá un espectáculo de forma directa, programando a súa actuación na data da gala final, xusto a continuación do acto de entrega de premios. Esta medida pretende ofrecer un espazo prioritario para a exhibición dos traballos da Compañía Municipal de Teatro ou para compañías teatrais con sede no municipio. De xeito excepcional e de forma motivada, tamén poderá propoñerse a actuación de peche a outras compañías que presente un espectáculo axeitado pola súa calidade ou polo tema tratado.

As 4 compañías seleccionadas para a fase de concurso e a compañía seleccionada para o espectáculo de peche completarán o cartel da «XIX MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO, CONCELLO DE SADA. PREMIOS LUGRÍS FREIRE».

 

COMO SE PRESENTAN AS SOLICITUDES, EN QUE PRAZO E COMO SE TRAMITARÁN?

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles e abrirase a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no BOP da Coruña.

As solicitudes presentaranse unicamente por medios electrónicos a través do formulario de solicitude normalizado da sede electrónica municipal (sede.sada.gal), mediante o procedemento «Subvencións, axudas e premios».

A solicitude completarase cos ANEXOS desta convocatoria. 

 

QUE PREMIOS REPARTE A MOSTRA?

Establécense os seguintes premios:

· PREMIO DIRECTO COMPAÑÍAS SELECCIONADAS: Establécese un premio directo de 800€ para cada unha das compañías seleccionadas para participar na fase de representacións da Mostra. As compañías seleccionadas perderán todo dereito a recibir este premio se non fose posible representar a obra nas datas dispoñibles para o certame, pasando a ser substituídas pola seguinte obra con mellor valoración.

· PREMIO LUGRÍS FREIRE AO MELLOR ESPECTÁCULO PARA O PÚBLICO DA MOSTRA: Establécese o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o público», cun importe de 500€. O público asistente disporá de tarxetas de votación e poderán depositar a súa valoración ao final de cada función. O premio será para o espectáculo que acade a puntuación media máis alta.

· PREMIO LUGRÍS FREIRE AO MELLOR ESPECTÁCULO PARA O XURADO DA MOSTRA: Establécese o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o xurado», cun importe de 500€. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística nomeará un xurado, que estará formado por persoas implicadas na actividade teatral, persoal e representantes municipais. O xurado emitirá unha acta de valoración na que se fallará a compañía premiada.

O xurado puntuará as representacións empregando unha rúbrica de puntuación, na que se valorarán os seguintes criterios:

  • · Calidade da interpretación (habilidade e calidade do traballo de actrices e actores para dar vida aos personaxes
  • · Calidade da posta en escena (coherencia dos elementos da montaxe, escenografía, vestiario, uso da iluminación e os recursos sonoros para potenciar a comunicación do texto dramático)
  • · Calidade do texto (estrutura da acción, profundidade dos personaxes, coherencia da trama)
  • · Capacidade para comunicar a mensaxe da obra e transmitir emocións
  • · Impresión xeral subxectiva sobre o conxunto do espectáculo

No caso de que o Premio do público e o Premio do xurado recaian no mesmo espectáculo, o premio do xurado outorgarase ao espectáculo que obteña a segunda mellor valoración na súa acta.

COMUNICACIÓN DOS PREMIOS LUGRÍS FREIRE: Os premios do público e do xurado comunicaranse publicamente na Gala de entrega de premios que se celebrará o domingo 26 de abril, no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns, poñendo o peche a esta edición.

Arquivado en