XESTIÓN DE RESIDUOS DURANTE O ESTADO DE ALARMA

24 / MAR / 2020

XESTIÓN DE RESIDUOS DURANTE O ESTADO DE ALARMA

O Consorcio das Mariñas ven de emitir novas directrices sobre a xestión de residuos domiciliarios durante Estado de Alarma COVID-19

Sada, 24 de marzo 2020.

Na situación de alerta sanitaria actual, os cidadáns deberán adoptar temporalmente algúns cambios na manipulación e xestión que fan dos residuos que se xeran nos seus fogares, colaborando seguindo as indicacións facilitadas e debendo extremar as medidas de precaución e de hixiene.

Para o manexo domiciliario dos residuos no fogar nesta etapa de alerta deberase continuar coa separación de residuos maioritarios en materia orgánica e inorgánica, xunto coas recollidas selectivas de papel-cartón, vidro, aceite e téxtil nos contedores correspondentes.

Resulta de grande importancia que os residuos maioritarios (fracción orgánica e inorgánica) se depositen en bolsa pechada hermeticamente ou dobre bolsa de ser necesario para evitar roturas e perdas de residuos no contedor ou camión recolector. Prégase dentro do posible a máxima colaboración cidadá, para que os residuos estean no exterior o menos tempo posible, no respecto dos horarios, deixando os seus residuos no colector despois das 20 horas e evitando baixar as bolsas as vésperas de domingos e festivos.

Convén recordar que non está permitido o abandono de bolsas de lixo no chan, fora ou ao lado do contedor, e con máis fundamento nesta etapa de alerta sanitaria; se de xeito puntual un contedor se atopa cheo se deben depositar as bolsas noutro contedor próximo que non o estea ou se debe manter a bolsa dos residuos no domicilio á espera do baleirado do contedor no seguinte servizo. Pregamos a máxima colaboración da cidadanía neste senso.

No caso de material utilizado como protección, isto é, mascarillas, guantes de goma, etc e inda máis no caso de que exista algún residuo procedente de sospeitoso por coronavirus, extremaranse aínda máis as medidas de hixiene e limpeza, debendo usar ata unha triple bolsa hermética e pechada para conter eses residuos sospeitosos ou procedentes de atención a esas persoas, de xeito que se minimicen as posibilidades de contaxio ós nosos conveciños e ó persoal de recollida e limpeza e continúa nestes dias ca súa labor polo beneficio común. DEPOSITARASE NO CONTENEDOR DE INORGÁNICO.

Os puntos limpos permanecerán pechados ata próximo aviso, polo que os cidadáns deberán manter eses residuos nos domicilios ata que se supere a situación. O punto limpo móbil tamén suspendeu temporalmente os seus percorridos polos municipios do territorio. Sí que continúa a funcionar o servizo semanal de recollida de voluminosos, mobles ou entullos domésticos, pero o seu funcionamento é exclusivamente previo aviso telefónico ao 981-795524, onde lle darán as indicacións oportunas.

De ningún xeito se autoriza a depositar os residuos voluminosos, mobles ou entullos o carón dos contedores sen previo aviso. Os residuos procedente de hospitais, ambulancias, centros de saúde, xa están a levar a cabo unha xestión aparte deses residuos conforme á normativa disposta para residuos sanitarios.

Arquivado en