Sada súmase á Ruta N-VI, turismo que busca unha oferta variada, diferente e sostible

30 / XUN / 2025

Sada súmase á Ruta N-VI, turismo que busca unha oferta variada, diferente e sostible

O Concello de Sada ven de unirse á Ruta N-VI, un proxecto turístico que percorre os máis de 600 km entre A Coruña e Madrid pola histórica estrada nacional, promovendo un turismo de calidade.

A nosa vila convértese nun dos puntos oficiais de selado do Pasaporte oficial desta Ruta N-VI, unha ferramenta que permite vivir a experiencia completa dun percorrido no que que se buscan propostas auténticas, con valores culturais, patrimoniais e ambientais.

Desde o departamento de Promoción Económica e Turismo traballouse para incorporar Sada a este itinerario e situar o noso concello como referente dun turismo diferente, sostíbel e de calidade, que aposta pola economía local e o respecto ao territorio. A través da web deste proxecto achégase información sobre os destinos, propostas culturais, gastronómicas de ocio...

Con esta iniciativa, Sada dá un paso máis no seu compromiso cun modelo turístico que coida o medio, dinamiza a economía local e promove o noso patrimonio cultural e natural desde unha perspectiva sostible e responsable.
A Ruta N-VI inclúe tamén o Pasaporte Verde, unha proposta para compensar a pegada de carbono colaborando con proxectos ambientais como os da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Arquivado en