Sada presenta ao Pleno un paquete de actuacións no municipio por preto de 1 millón de euros

26 / MAI / 2021

Sada presenta ao Pleno un paquete de actuacións no municipio por preto de 1 millón de euros

A proposta de alcaldía inclúe achegas para a expropiación do espazo libre nas Brañas, para a execución da primeira fase do módulo deportivo de Mondego, para a aportación municipal da reforma das antigas escolas de Carnoedo, para a instalación de pantallas informativas no municipio, para a segunda fase da posta en valor do barrio mariñeiro de Fontán, para a achega municipal do proxecto de eficiencia enerxética no municipio, para a achega municipal do mobiliario do Centro de Formación Ocupacional e outras actuacións municipais.

Sada consigna 731.722 euros para a sentenza dos terreos de Mondego á espera da solicitude de revisión de oficio presentado polo Concello no TSXG.

Sada, 26 maio 2021.

O Pleno de mañá xoves debatirá e votará a proposta da alcaldía dun modificativo de crédito por valor de 1.578.378 euros para a realización de numerosas actuacións no municipio.

A proposta inclúe 149.352 euros para a expropiación de espazo libre nas Brañas. O Concello de Sada iniciou en decembro o expediente de expropiación forzosa para a obtención do chan destinado a sistema xeral de espazos libres SXEL-06-31, das Brañas, polo procedemento de tasación conxunta.  O que se busca é establecer un anel de protección ao redor das Brañas, que axudará a polas en valor.

Outra das actuacións que se inclúe no modificativo e a achega municipal de 249.199 euros para a execución da 1º fase do módulo deportivo de Mondego. O goberno municipal xa incluirá dentro dos Plans Provinciais unha primeira aportación para o proxecto de instalacións deportivas en Mondego, correspondente ao Módulo Cuberto, cun importe total de 723.792,20 euros.  Este proxecto potencia o uso da instalación para o deporte escolar, formación en educación física e psicomotricidade.

Tamén se inclúe a achega municipal para a reforma das antigas escolas de Carnoedo por importe de 76.742 euros para convertilas en centro social.  Desafectada do uso educativo, o goberno local solicitou  unha axuda por 140.000 euros para a execución do proxecto de reforma co compromiso de asumir a partida de 76.742 euros para o seu parte do financiamento. En total está previsto que se invistan no centro 216.742 euros. O proxecto contempla actuar na planta baixa e alta e se mellorará a súa accesibilidade coa instalación dun elevador. Na planta baixa crearase unha aula infantil-ludoteca e un ximnasio. Mentres que na parte superior habilitaranse varios espazos destinados ás asociacións e clubs deportivos do municipio, para organizar reunións e atender aos seus asociados distribuindo o espazo entre unha sala de reunións, catro despachos e unha sala de ensaios.

Outras actuacións que o goberno inclúe no modificativo é a segunda fase de mellora do barrio mariñeiro de Fontán coa ubstitución de redes e reurbanización da rúa Sanjurjo Badía, entre rúa das Flores e a AC-163 por importe de 96000 euros, que complementará a achega realizada pola  Deputación,  e tamén unha achega municipal por importe de 101.284 euros para acometer o proxecto de aforro de eficiencia enerxética no alumbrado público en todo o termo municipal nunha actuación financiada con Fondos Europeos ao 80%.

O Pleno de mañá xoves tamén inclúe un punto sobre a dotación de patallas informativas no municipio por medio dunha subvención da Deputación. O modificativo de crédito inclúe a obra civil de instalación de cinco  paneis dixitais na estrada Oleiros-Sada (á altura de Lugar de A Fraga), en Fontán (entorno Casa dos Mariñeiros), na Av. da Lagoa (rotonda instituto), na Av. do Porto (entorno Casa da Cultura) e no exterior Oficina de Turismo.

Finalmente o modificativo inclúe partidas para o cofinanciamento do mobiliario do Centro de  Formación Ocupacional, a subministración de material para as praias para este verán, o acondicionamento de zonas verdes na rúa da Praia, a compra dunha carretilla elevadora, a mellora de camiños municipais  e a subministración de novo mobiliario urbano.

Sentenza terreos Centro Día Mondego

O modificativo que se presenta a pleno tamén inclúe a consignación de 731.722 euros para cumplir coa sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº3 da Coruña aínda que está pendente aínda da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Neste sentido o Concello de Sada recurriu nos tribunais xa que considera "desproporcionada" e “inxusta” a valoración dos terreos e agarda que prospere o recurso presentado perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Arquivado en