Sada persoouse da demanda do Estado pola titularidade dos bens mobles do Pazo de Meirás

07 / OUT / 2022

Sada persoouse da demanda do Estado pola titularidade dos bens mobles do Pazo de Meirás

O alcalde de Sada, pide agora ás outras Administracións, en especial á Xunta de Galiza, a facer o mesmo. A Xunta de Galicia debe “mover ficha e incoar canto antes o expediente de modificación de Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás para a inclusión dos bens mobles”

O Concello de Sada a través da súa representación letrada, ven de persoarse como coadxuvante adesiva, en apoio da demanda do Estado pola titularidade de 564 bens do Pazo de Meirás. A tal efectos presentou o escrito ante o Xulgado de 1ª Instancia nº 70 de Madrid, no que se fundamenta o interese e  lexitimación do Concello nas competencias que ostenta en materia de urbanismo, protección do patrimonio cultural e turismo.

Mediante este persoamento, e no suposto de ser admitido, o Concello apoiará en todo o proceso as pretensións da demanda interposta o pasado día 21 de setembro polo Estado e Patrimonio Nacional respecto da consideración de bens de dominio público e patrimonio público tanto dos bens procedentes da etapa de Pardo Bazán (transmitidos en 1938) como dos instalados polo Estado na etapa da ditadura 1938-1975, en tanto en canto o Pazo estivo ao servizo e uso residencial e oficial da xefatura do Estado, tal e como defendeu sempre este Concello. 

Na demanda interposta polo Estado solicítase a medida cauterlar para impedir a retirada de distos bens polos herdeiros do ditador, tendo xa fixada a vista de dita medida cautelar para o vindeiro día 21 deste mes, onde estará a representación letrada do Concello de Sada, de ser admitido ante polo Xulgado o persoamento.  

O alcalde de Sada, Benito Portela, destaca que unha vez que “por fin, o Estado atendeu as solicitudes do Concello, das entidades memorialistas e da sociedade en xeral, o Concello de Sada persoase na demanda como coadxuvante adesiva, e insta ás outras Administracións a facer o propio, especialmente á Xunta de Galiza”, e pide tamén á Xunta de Galicia que “mova ficha e e incoe o expediente de modificación de Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás”, para outorgarlles ao conxunto de bens mobles a tutela BIC.

Tal e como defendeu sempre o Concello de Sada, tanto en vía procesal xudicial como na relación con Estado e Xunta, o continente (inmoble) e o contido (bens mobles) forman un conxunto, coa categoría de sitio histórico, que quedaria baleiro de significancia cultural e patrimonial no suposto de que os herdeiros do ditador retirasen mobiliario e distintos bens mobles que son precisamente os que caracterizan o sitio histórico, tanto en relación a Pardo Bazán como á etapa da ditadura.

Arquivado en