Sada novo escenario para a Liga Atlántica de Billarda

20 / ENE / 2022

Sada novo escenario para a Liga Atlántica de Billarda

O domingo 23 de xaneiro ás 11:00 horas celebrarase no Paseo Marítimo de Sada a oitava xornada da Liga Atlántica de Billarda

Primeira xornada de Liga do 2022 na Conferencia Noroeste. Chega o ecuador da temporada coa celebración da oitava xornada en Sada. Será no paseo marítimo de Sada, un lugar de alto valor paisaxístico fronte a praia e onde habilitarase un terreo de herba co mar de fondo, magnífico escenario.

O Concello de Sada colabora coa FG DEPAU para organizar a chegada da Liga Atlántica de Billarda a este concello por primeira vez. As previsións climatolóxicas son excelentes e vaise poder xogar a ceo aberto e cunha temperatura primaveral.

No aspecto competitivo, os equipos saben da importancia de comezar forte o novo ano, pois a costa abaixo cara ao final de liga comeza en xaneiro. O máis salientable do que vai de liga é o renacemento do equipo decano do Noroeste, Filloas de Sangue.

Así, APB, equipo aspirante histórico ao título e único que podía incomodar o camiño de Campo da Feira, está sendo superado por Filloas. Filloas de Sangue fixo unha aposta forte e reforzou o equipo con xente nova neste deporte que está respondendo con grande eficacia ao reto de volver ás finais nacionais. 

Historia da Liga Nacional da Billarda

A Liga nacional da Billarda ten a súa orixe na Mariña de Lugo e na mente dun grupo de persoas que devecían por recuperar a práctica da billarda. Esta actividade física, lúdica, cultural e deportiva tivo tamaño arraigo en Galicia que a converteu nun dos xogos máis populares, coñecidos e practicados durante séculos.

A comezos do século XXI, a billarda non se practicaba e só en festividades ou acontecementos sinalados podíase ver voar este artefacto de madeira. Pois ben, no 2003 comezou a recuperación coa celebración dos primeiros Torneos Abertos de Billarda na Mariña. Pasados dous anos, no 2005, constituíuse a ACD O Varal para dar soporte xurídico a aquela fantástica idea de crear a LNB como ferramenta e estrutura para fomentar e favorecer a práctica deste deporte tradicional.

A día de hoxe, a LNB está cumprindo a obxectivo que aqueles pioneiros e pioneiras da Mariña luguesa imaxinaron, a de normalizar a practica da billarda entre todas as galegas e todos os galegos de calquera idade e condición. A modalidade de billarda da LNB practícase en todas as provincias galegas e a visibilidade que esta liga lle deu sacou a billarda da memoria dos nosos antepasados para levala de novo ás zonas de ocio e recreo do noso país.

A LNB está organizada en 3 Conferencias: NorlesteNoroeste e Rías Baixas. Cada Conferencia disputa un numero de xornadas anuais. É unha liga Aberta, calquera pode incorporarse en calquera momento da temporada. Ao final da temporada celébrase a FinaLNB. Participan nesta final aquelas persoas que se clasificaron pola súa Conferencia respectiva.

Arquivado en