Sada licita a senda peonil de Veigue por 207.500 euros

21 / OUT / 2022

Sada licita a senda peonil de Veigue por 207.500 euros

O Concello de Sada pretende con este proxecto mellorar a seguridade vial na zona de Veigue, por tal motivo, a obra proposta proxecta a formación dunha senda de aglomerado para o tránsito peonil a cal completa un circuíto entre o entorno do núcleo de Veigue e o límite do Concello de Sada. O orzamento desta actuación ascende á cantidade de 207.449,18 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou onte a licitación da senda peonil en Veigue. A obra proposta proxecta a formación dunha senda de aglomerado para o tránsito peonil e que completa un circuíto na contorna do núcleo de Veigue.

A actuación proxectada executarase pola marxe dereita da estrada autonómica AC-163 na totalidade do seu percorrido, excepto no seu tramo final onde discorrerá por ambas as marxes. O inicio da senda proxectada sitúase no P.K. 6+272 da AC-163 (Lugar Chan de Aldea) conectándose coa senda de aglomerado existente na marxe dereita da devandita estrada autonómica e finalizará na contorna do P.K. 7+038 (A Valexa) no límite entre Sada e Oleiros.

A lonxitude total da actuación será de 689 metros e pechará un circuíto que, sen dúbida, animará aos veciños a pasear con maior seguridade e comodidade pola contorna e mellorará a seguridade viaria da zona.

Ao longo deste percorrido, a estrada autonómica AC-163 cruza a Vía ártabra (V.G-1.3) á altura do P.K. 6+800 no tramo de acceso ao porto de Lorbé. Para dar continuidade á senda proxectada, se executará un paso de peóns neste punto que se sinalizará e iluminará convenientemente.

Esta actuación fai necesaria unha revisión e mellora das infraestruturas existentes no tramo, tales como as acometidas ás redes de abastecemento e saneamento e a execución dunha nova rede de pluviais e de iluminación pública.

Neste sentidos realizaranse actuacións de despexe e roza do terreo nos tramos en terras e de demolición do pavimento de formigón existente nas superficies das entradas ás vivendas particulares. Cambiarase tamén a rede de pluviais, a auga recollida será evacuada mediante sumidoiros que se disporán ao longo de todo o traxecto da actuación. Tamén se executarán os pozos de rexistro necesarios e previuse a reposición das rejillas e canaletas danadas existentes no tramo final da obra.

Outras melloras a realizar con esta actuación na zona será a nova sinalización horizontal e vertical que completará á existente, a reposición de acometida domiciliaria de abastecemento de auga e a reposición da acometida domiciliaria a rede de recollida de augas residuais.

Finalmente executarase unha nova rede subterránea de iluminación pública, mediante a instalación de tubos de PVC, que se reforzará nas cruces. Estas canalizacións veranse complementadas por novas arquetas de rexistro.

Para reforzar a seguridade viaria no paso de peóns que cruzará a V.G.1.3 proxectouse a instalación de columnas de reforzo lumínico que se conectarán á iluminación existente. Igualmente, acondicionaranse as zonas verdes entre os muros de peche existentes e a nova senda proxectada dentro da franxa de dominio público da AC-163 e reporanse as plantacións afectadas.

A Xunta de goberno celebrada onte aprobou o expediente para a contratación por procedemento aberto simplificado desta obra, incluída no POS+2022,  cun presuposto base de licitación de 207.444,97 euros

Arquivado en