SADA LEVARÁ A PLENO A RENATURALIZACIÓN E RECUPERACIÓN DO RÍO MAIOR

16 / FEB / 2022

SADA LEVARÁ A PLENO A RENATURALIZACIÓN E RECUPERACIÓN DO RÍO MAIOR

Tanto os técnicos de Augas de Galicia coma os da empresa adxudicataria da redacción do proxecto construtivo consideran esta alternativa a máis favorable, tanto hidráulica como ambientalmente, para a minoración do risco de inundación.

Dende hai xa moitos anos e de xeito repetitivo, veñen acontecendo inundacións no barrio de Cantalarrana por mor do mal funcionamento hidráulico do derradeiro tramo das canles dos ríos Maior e Fontoira, sendo a máis grave delas a producida o 30 de marzo de 2016 a cal provocou o desbordamento do río e a inundación do centro urbano de Sada.

Tendo en conta os antecedentes o goberno municipal presentaba no mes de novembro de 2016 o estudo “Modelización de dinámica hidráulica de las Brañas de Sada y desembocadura del río Maior”, desenrolado polo Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña (GEAMA). Nel analizábase desde o punto de vista hidráulico e hidrolóxico o evento de inundación ocorrido no núcleo urbano de Sada o día 30 de marzo de 2016, sendo a principal conclusión do mencionado estudo a de que a infraestrutura existente ten unha limitada capacidade de desaugadoiro pero existe a posibilidade de ampliala de forma considerable dunha maneira pouco traumática e con garantías de asumir episodios como o acontecido e mesmo máis graves desde o punto de vista dos dous factores clave: precipitación e marea.

Neste sentido e tras diversas xuntanzas mantidas cos responsables de Augas de Galicia, o concello encargaba a redacción dunha memoria valorada sobre a solución a adoptar tendo en conta o estudo antes nomeado, establecendo como alternativa a implantación dun dobre marco de formigón armado, de sección útil 2,00x1,60 metros e de 140 metros de longo que substituiría aos catro ovoides existentes na actualidade.

Por outra banda e, en cumprimento da Directiva 2007/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos, a avaliación preliminar do risco de inundación (EPRI) da demarcación hidrográfica Galicia Costa. E, así, tanto na EPRI do primeiro ciclo de planificación (2015-2021) como na actualización correspondente ao segundo ciclo (2021-2027), a zona das Brañas e a desembocadura do río Maior en Sada considéranse inundables. A pesar de que na avaliación inicial a zona non resultou caracterizada como con risco significativo (non superou o límite de significancia predeterminado), si o superou na actualización do documento, polo que é considerada como área cun risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

O proceso de planificación, unha vez declarada unha zona como ARPSI, conleva o posterior desenvolvemento de mapas de perigo e risco de inundación, para a súa incorporación ao plan de xestión de riscos de inundación, xunto co estudo e a determinación das medidas que se consideren necesarias para tratar de minimizar os riscos de inundación, incrementar a calidade ambiental dos cursos fluviais e recuperar a condición dos ríos como hábitats naturais.

Todos estes factores tivéronse en conta no proceso de negociación que o Concello de Sada iniciou en marzo de 2016  e que se materializaron na sinatura, con Augas de Galicia en decembro de 2020, do convenio de colaboración para a mellora do funcionamento hidráulico do río Maior no núcleo urbano de Sada; e, en aplicación do nel establecido,  procede a redacción dun proxecto que sirva de base para a execución das actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado á ARPSI fluvial ES014-CO-120201 RÍO MAIOR. SADA (A CORUÑA).

Pois ben, unha vez formalizado, en agosto de 2021, o contrato de redacción do proxecto construtivo e procedido á análise da problemática existente por parte da empresa adxudicataria do mesmo, dende o departamento técnico de Augas de Galicia proponse como alternativa máis acaida, tanto hidráulica como ambientalmente, a de proceder á eliminación tanto do encanamento actual como da cobertura do treito final do río no núcleo urbano de Sada.

En base a dita proposta, o Concello encargou, en decembro de 2021, un estudo de tráfico para analizar o impacto desta solución no núcleo urbano de Sada, estudo que arroxa a seguinte conclusión: “... Cabe concluír que as obras de peonalización e canalización do Rio Maior son compatibles co tráfico do entorno no que se atopan, provocando una afección sobre a infraestrutura baixa...”.

En consecuencia con todo o anterior, elevarase ao pleno municipal, establecer a alternativa proposta por Augas de Galicia como a opción conforme á cal se redactará o proxecto construtivo que teña por finalidade a minoración do risco de inundación e que incluirá a renaturalización e recuperación da canle fluvial do rio Maior e a eliminación, no seu tramo final, da cobertura actual do río deixando o mesmo a ceo aberto.

Arquivado en