Sada instala dispensadores de hidroalcohol nas parroquias e no centro urbano do municipio

25 / XUN / 2020

Sada instala dispensadores de hidroalcohol nas parroquias e no centro urbano do municipio

O Concello de Sada instalou un total de dez dispensadores automáticos con fotocélulas no centro urbano e en todas as parroquias do municipio.

Sada, 25 xuño 2020.

O Concello de Sada, a través da concellería de Saúde, instalou nas parroquias e no centro urbano do municipio dispensadores de hidroalcohol para uso por parte dos veciños e das veciñas e tamén dos visitantes de Sada.

Os dispensadores teñen capacidade para 5 litros de hidroalcohol e unha papeleira incorporada para o lixo. Asemade, contan cun panel solar, polo que non necesitan de conexión á rede eléctrica, “avogando pola necesidade dun troco na utilización e obtención de enerxía contemplado no Plan Verde da UE” indica o concelleiro de Saúde, Breogan Blanco.

Os espazos escollidos son zonas de paso e afluencia frecuentadas polas veciñas e polos veciños. Deste xeito instaláronse dous no Paseo Marítimo, un deles na zona Porto e outro nas Brañas no tocante ao centro urbano da localidade. Nas parroquias instaláronse diante das Casas do Pobo e en Mosteirón ao lado da parada de autobús do CEIP Plurilingüe O Mosteirón.

Breogan Blanco roga “que se sigan a cumprir as medidas de hixiene e o distanciamento como o fixeron ata o de agora, pois por moito que a situación epidemiolóxica en Galicia sexa moi boa, observamos como os contaxios seguen a suceder, e que todas e todos estamos expostos a un posible brote coma xa aconteceu en Ribeira ou Xove”.

O Concello de Sada tamén está a proporcionar unha alfombra desinfectante en cada unha das Casas do Pobo. “O protocolo de hixiene, indica Blanco,  ten que extremarse nestas instalacións, xa que unha parte importante dos seus usuarios son persoas de risco por idade ante a COVID-19”

Arquivado en