
A obra permitirá reducir o risco de inundacións e transformar o centro urbano con novos espazos verdes e de lecer. O alcalde, Benito Portela, destacou o firme compromiso do concello e da Xunta para materializar un proxecto que supuxo moitos anos de traballo e de colaboración leal entre ambas administracións
O Concello de Sada e Augas de Galicia formalizaron este xoves o convenio de colaboración para executar o proxecto de mellora estrutural do río Maior, unha actuación que suporá un investimento de 7.032.969,65 euros (repartidos ao 50 % entre ambas as administracións) e que permitirá reducir o risco de inundacións no núcleo urbano, recuperar o espazo fluvial e transformar o seu entorno nunha nova zona de integración ambiental e urbana. A sinatura tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Sada, coa participación do conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, e do alcalde de Sada, Benito Portela.
O proxecto, denominado «Melloras estruturais para a redución do risco de inundación da ARPSI fluvial ES014-CO-120201 río Maior», ten como principal finalidade mellorar a capacidade de drenaxe da desembocadura e reducir o risco de desbordamentos no núcleo urbano de Sada. Para conseguilo, a intervención contempla a apertura dos tramos actualmente canalizados, a eliminación da cobertura existente no treito final do río e a creación de canles de alivio nas marxes, permitindo recuperar o curso fluvial e mellorar o seu comportamento hidráulico.
Máis alá da mellora hidráulica e ambiental, o proxecto suporá unha importante transformación do espazo urbano de Sada. A recuperación do río irá acompañada dunha reordenación da mobilidade rodada e peonil, coa incorporación de novos carrís de acceso e calzadas compartidas, así como da creación de novas zonas axardinadas, espazos verdes e áreas de lecer que permitirán integrar novamente o río na trama urbana. A intervención contempla tamén a renovación de infraestruturas existentes e a mellora dos servizos e espazos públicos incluídos no ámbito de actuación. «O río Maior forma parte da nosa identidade e da nosa historia. Con este proxecto damos un paso moi importante para recuperar a súa relación coa vila, devolverlle espazo á
natureza e, ao mesmo tempo, ofrecer máis seguridade á veciñanza fronte ás inundacións.Non falamos só dunha obra hidráulica, senón dunha transformación que vai mellorar o centro urbano e a calidade de vida das persoas. Un proxecto que sitúa a nosa vila á vangarda neste tipo de actuacións en Galicia e España. É un proxecto de futuro para Sada e estamos moi satisfeitos de poder avanzar nel da man da Xunta de Galicia», remarcou o alcalde, Benito Portela.
Segundo recolle o texto, Augas de Galicia será a responsable da contratación, execución e dirección das obras. Pola súa banda, o Concello de Sada poñerá á disposición os terreos necesarios, tramitará os permisos e autorizacións correspondentes e asumirá posteriormente a conservación e o mantemento da actuación. Neste sentido, o desenvolvemento da actuación require completar os trámites relativos ás estradas provinciais DP-0812 e DP-0813, cuxa cesión ao Concello foi abordada coa Deputación da Coruña en distintas reunións celebradas ó longo destes anos, a máis recente na pasada primavera.
Esta transferencia permitirá ao Concello avanzar nas actuacións que lle corresponden e completar as condicións necesarias para a execución do proxecto. O Goberno local confía en que este proceso poida culminar canto antes, de maneira que o traballo xa realizado pola Xunta e polo Concello poida traducirse no inicio efectivo dunha intervención fundamental para o futuro de Sada.