Sada emite BANDO con accións preventivas por risco de seca

29 / SEP / 2022

Sada emite BANDO con accións preventivas por risco de seca

Veciñas e veciños de Sada, ante o estado de ALERTA no que se atopa o abastecemento de auga, actuando en común para maior eficacia da nosa acción, decidimos aplicar unha serie de medidas ante a situación de seca que se prolonga desde hai meses e que, en caso de non remediarse cun réxime suficiente de choiva nesta estación, ameaza con levarnos a un escenario difícil de cara ao subministro para todas as necesidades da poboación.

BANDO DA ALCALDÍA - ACCIÓNS PREVENTIVAS POR RISCO DE SECA

 

As medidas inmediatas que tomaremos a partir de hoxe serán:

  • Restrición do consumo en fontes ornamentais e elementos similares.
  • Eliminación do baldeo de rúas para a súa limpeza.
  • Redución dos regos públicos e privados, xa que a actual situación de humidade ambiental permite racionalizalos.
  • Control de consumos en edificios e instalacións municipais.
  • Control das perdas da rede de abastecemento, para detectalas e minimizalas.
  •  

É necesario tomar conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles. Por iso, como alcalde, solicito a colaboración dos veciños e as veciñas, das institucións públicas e máis das privadas e das empresas con sede no concello, para que se tomen as precaucións necesarias para evitar o gasto innecesario de auga, en concreto:

  • Reducir o lavado de coches e rega de hortas.
  • Optimización dos recursos na rega e na gandería, revisando os elementos que poidan ter fugas de auga, e empregando o sistema de goteo.
  • Revisión de posibles fugas en baños e cociñas.
  • Uso racional da auga no aseo persoal.
  • Uso dos electrodomésticos coa carga completa.
  • Lavado de froitas e verduras en recipientes.
  • Instalación de filtros atomizadores ou difusores en todas as billas da casa.

Confiamos en regresar á normalidade o antes posible, se o réxime de choivas do comezo do outono e do inverno recuperan niveis aceptables, pero temos que estar en disposición de afrontar a prolongación deste estado excepcional das cousas en caso necesario.

Precisamos a axuda dos nosos veciños e das nosas veciñas para conseguir un consumo responsable que axude a manter as reservas o máximo tempo posible se chegásemos á peor situación que podemos imaxinar.

Seguirei informando da situación e das medidas que sexa necesario tomar. Conto coa colaboración de todas e todos.

Sada, 29 de setembro de 2022

Benito Portela - Alcalde de Sada

Arquivado en