Sada dálle a benvida ao Apalpador

10 / DEC / 2020

Sada dálle a benvida ao Apalpador

Xa estamos moi preto do Nadal e no Concello de Sada celebramos este ano a chegada do Apalpador, que nestas datas deixa o seu fogar nas montañas do Courel para levar ilusión e agasallos a todas as crianzas do país.

Desde a Concellaría de Normalización Lingüística promoven a posibilidade de escribirlle ao Apalpador. Até o mércores 23 de decembro os nenos e nenas de Sada poden deixar as súas cartas nas caixas de correo que encontrarán nas tendas de xoguetes da nosa vila (Pequeño Tío, Sada Toys y Ciclos Paco) e na OMIX.

CANTIGAS DO APALPADOR

Cantigas do Apalpador

Sabiades que o Apalpador, tamén coñecido como Pandingueiro na comarca de Trives ou Apalpabarrigas noutras zonas de Galiza, é un home xigante que mora nas montañas, usa boina e zocas, ten unha gran barba rubia e leva posta unha casaca esfarrapada e chea de remendos?

Ou que lle gusta fumar en pipa e se alimenta de froitos silvestres, castañas, noces e dos animais que el mesmo caza? Porén, alén de ser coñecido pola súa pipa e a súa típica vestimenta, a figura do Apalpador sempre tivo un lugar moi importante na cultura tradicional galega.

Desde a Concellaría de Normalización Lingüística promoven este Nadal a posibilidade de escribirlle ao Apalpador. Até o mércores 23 de decembro os nenos e nenas de Sada poden deixar as súas cartas nas caixas de correo que encontrarán nas tendas de xoguetes da nosa vila (Pequeño Tío, Sada Toys y Ciclos Paco) e na OMIX.

Quen era o Apalpador?

Orixinalmente, o Apalpador era un home que vivía nas devesas das montañas galegas e baixaba até as aldeas a noite do 24 ou do 31 de decembro, cargado cun saco de castañas para deixar ás crianzas que pasaban fame. Cando chegaba, batíalles na barriga para ver se estaban cheas, desexándolles un ano de felicidade en que non lles faltase de nada. Alén diso, traballaba de carboeiro para deixar calor e luz nos fogares das zonas máis agrestes do país, onde os invernos son especialmente duros.

Se ben é certo que a tradición do Apalpador estivo a piques de desaparecer, debido, entre outros factores, á importancia dos Reis Magos de Oriente na nosa cultura e á importación de tradicións provenientes das Américas e de Europa, como Papa Noel, que exercen unha forte presión publicitaria, a súa figura está a revalorizarse nos últimos tempos.

Felizmente, desde a década pasada, grazas ao movemento asociativo popular e a algunhas institucións, estase recuperando este entrañábel personaxe do Nadal, aínda presente na memoria das persoas de idade que viven nas aldeas da zona leste de Galiza, máis concretamente  nas comarcas dos Ancares, do Bierzo, Quiroga, Terras de Lemos, Terra de Trives e Sarria.

Contrariamente a algunhas opinións, a figura do Apalpador está estreitamente relacionada coas ideas do valor das cousas, o respecto polo medio ambiente e o valor dos agasallos que se fan con máis amor que con cartos. Os tempos mudaron e agora as crianzas reciben xoguetes en vez de presadas de castañas; porén, a función do Apalpador continúa a ser a mesma: levar o espírito e a ilusión do Nadal a todos os fogares galegos!!

Arquivado en