Sada aproba a licitación da reparación da pista de patinaxe

23 / SEP / 2023

Sada aproba a licitación da reparación da pista de patinaxe

A Xunta de Goberno Local aprobou onte a licitación do proxecto de renovación do pavimento da pista municipal de patinaxe de velocidade de Sada cun orzamento de 65.554,27€

A Xunta de Goberno Local do Concello de Sada aprobou o vernes 22 de setembro o proxecto de reparación da pista deportiva de patinaxe de velocidade situada na entorna do Campo de Fútbol As Mariñas, no Parque Lendoiro.

O proxecto cambia o pavimento da pista de patinaxe de Sada que actualmente presenta un acabado non acorde coa práctica deportiva á que está destinada, tendo os peraltes da mesma unha forma contraria á necesaria para un desenrolo seguro e efectivo da modalidade de patinaxe de velocidade. Por outra banda, o proxecto corrixe tamén o trazado lonxitudinal, con subidas e baixadas nas traxectorias, que ocasionaba que o percorrido fose molesto e pouco atractivo para os patinadores.  

Ademais do anterior, faise necesario mellorar o acabado superficial da capa de rodadura, para o seu maior aproveitamento e nas mellores condicións ó longo de todo o ano, aínda que coas limitacións propias dunha pista deportiva descuberta. 

É por isto que o goberno municipal prantexa neste proxecto a reparación da actual capa de rodaxe da pista de patinaxe de velocidade para recuperar a forma adecuada da mesma e poder utilizala nas mellores condicións de seguridade e de favorecemento dun desenrolo adecuado desta modalidade deportiva.  

O orzamento total de execución por contrata ascende á cantidade de 65.554,27 € e estímase un tempo de execución, unha vez licitadas as obras, de seis semanas.

Arquivado en