Sada adxudicará obras por valor de 260.000 euros

16 / OUT / 2017

Sada adxudicará obras por valor de 260.000 euros

O Concello de Sada adxudicará nos próximos días obras que suman máis de 260.000 euros e que, nalgúns casos, son proxectos moi esperados pola cidadanía, xa que inclúen desde pavimentaciones, a ampliación da rede de saneamento, ou melloras en inmobles que teñen un gran tirón social como é a Capela de San Roque ou o pavillón do colexio de Mondego.

Sada, 16 outubro 2017.

Atendendo ao custo económico é o recinto do centro escolar o que se saca a contratación por un maior montante, 74.353 euros e un prazo para os traballos de dous meses. O pavillón deportivo sofre filtracións de auga pola cuberta que cobre a pista polideportiva, que se prevén emendar, do mesmo xeito que as deficiencias no mantemento, xa que existen humidades e falsos teitos desprendidos, ademais vese necesario acometer o pintado interior, a colocación dunha bancada de madeira nas bancadas, a limpeza da fachada exterior, unha reposición de luminarias e o cambio de tubos fluorescentes, así como a incorporación de señalética.

Este recinto deportivo construíuse a partir dun frontón no patio do colexio e sufriu obras na cuberta no 2010 e outros traballos de selado fai tres anos, pero a actual situación obriga a unha nova actuación. No proxecto recóllese que hai problemas, como os detectados vestiarios e aseos, achacables ao uso intensivo desta instalación e froito de desgaste propio do paso do tempo.

Tamén se licitou a primeira fase da reordenación da contorna das travesías de Posse, que supón dar continuidade á travesía de Posse 2 cara a unha recente construción no sur e tamén dar continuidade ao tramo peonil entre as dúas travesías. A duración dos traballos estímase que será de tres meses e o custo fíxase nuns 61.253 euros.

Respecto da contratación en Osedo, inclúe o saneamento no camiño de Loureiro entre O Castro e Samoedo, unha vía que pasa por detrás da fábrica de Cerámicas do Castro. O Concello estima que será necesaria un investimento de 50.880 euros. O obxectivo é ampliar a rede de saneamento, coa instalación de dous colectores, desde as estradas provinciais á zona rural, xa que actualmente o lugar de O Castro non conta con rede de saneamento municipal e as augas residuais son tratadas de maneira individual mediante fosas sépticas. Para realizalo non son necesarias expropiacións e estímase que no prazo de tres meses poderíanse acabar os traballos.

Dentro do capítulo de camiños realizarase tamén a pavimentación do camiño de Souto a Lamela, na parroquia de Carnoedo, un viario municipal de 800 metros lineais. Orzados en 33.057 euros, os traballos neste camiño, que se establece que se realizarán en tres meses, pretenden renovar o pavimento, que co paso do tempo deteriorouse e presenta unha superficie moi irregular, con afundimentos. A adxudicataria deste contrato deberá ademais deberá ocuparse da limpeza das cunetas.

En canto á actuación na Capela de San Roque, que se utiliza como lugar expositivo, sácanse a contratación por 49.755 euros traballos de mantemento que suporán a limpeza e reparación da cuberta, a mellora das fachadas, o selado de gretas, o mantemento da forxa do campanario, a reparación do chan de madeira do coro e do falso teito, así como unha revisión da ventilación interior. O proxecto da obra, que fixa en 90 días o prazo de execución, indica que a premisa principal do proxecto é o mantemento e a conservación da capela, ?reparando as deficiencias observadas, pero non se modifican nin usos, nin distribución, nin as condicións estéticas actuais?.

 

Arquivado en