Sada acondiciona e mellora o roteiro Costa Doce e a contorna do castelo de Fontán

03 / NOV / 2016

Sada acondiciona e mellora o roteiro Costa Doce e a contorna do castelo de Fontán

Se existe unha zona considerada como paradisíaca entre os veciños de Sada, e á que acoden a ela cada fin de semana para gozar das súas vistas, das súas praias e da súa natureza, esa é a costa de Carnoedo e Veigue por onde discorre o roteiro Costa Doce.

Nove quilómetros, contando os dous tramos da ruta, dunha dificultade baixa con pouco desnivel e camiños de bo piso segundo indícase na páxina de rutas de sendeirismo Wikiloc. Zona que o goberno, a través da concellaría de Obras e Servizos, vén de pór en valor con dúas actuacións.

A primeira delas, levada a cabo na chaira do Castelo de Fontán, supuxo o acondicionamento da contorna do Castelo así como a instalación dunha nova sinalización con paneis explicativos e finalmente a acotación do aparcadoiro para lograr unha zona de miradoiro sobre a ría e unha maior seguridade no acceso á Praia de Morazón.

A segunda actuación discorreu entre as praias de Arnela e Os Lobos así como na praia de Lourido. Na primeira delimitouse o aparcadoiro con pedras de granito para lograr un espazo libre de vehículos no paso do roteiro pola zona e instaláronse bancos e mesas de madeira no miradoiro. No camiño até a praia dos Lobos colocáronse varios pasos de madeira nos lugares con máis pendente ademáis de pasamáns de madeiras e travesas no acceso á cala, quedando o acceso máis seguro e accesible.

Tamén se renovou completamente á ponte de madeira que existe antes da baixada á praia Os Lobos e o aparcadoiro da praia de Lourido.

Todas estas actuacións no roteiro realizáronse con cargo a unha subvención da Deputación, que solicitou a concellaría de Obras e Servizos, por valor de 8.000€ para a mellora dos accesos.

Estas obras veñen de realizarse despois de que ao principio do verán a brigada de servizos limpase e rozase o tramo entre Fontán e Punta de San Mamede que está a ser moi utilizado nos últimos meses. Ademais os operarios da concellaría de Obras e Servizos, xestionada por Miguel Tenreiro, abriron un camiño real que discorre entre Fontán e o miradoiro da ría existente no roteiro.

Nesas obras acondicionouse con medios mecánicos o aparcadoiro da Praia de Arnela e a man o acceso a Praia dos  Lobos así como a roza de todo o camiño para agora poder instalar travesas, pasamáns e unha mellora na accesibilidade ás praias.

O roteiro Costa Doce está a ser moi utilizado este ano como zona de paseo e práctica deportiva. Moitos corredores aproveitan os fins de semana para percorrer a Costa Doce desde Fontán até Veigue e de paso contemplar as calas de Carnoedo ou descansar nos miradoiros distribuídos polo roteiro.

O próximo 29 de xaneiro vaise a levar a cabo a segunda edición do Trail Costa Doce que terá lugar en moitos dos tramos que os corredores do ano pasado consideraban como “espectacular”.

Arquivado en