Portela reclama a Feijoo rapidez na concesión de axudas para os afectados das inundacións

14 / ABR / 2016

Portela reclama a Feijoo rapidez na concesión de axudas para os afectados das inundacións

- O alcalde de Sada, Benito Portela, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, solicitaron unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo, para trasladarlle a situación dos concellos afectados polas inundacións do día 30 de marzo.

- Na carta adxunta que Portela remite a Feijoo solicita a axuda da Xunta de Galicia para facer efectivo o dereito dos cidadáns de Sada á protección en caso de catástrofe, do mesmo xeito que se fixo noutras ocasións por exemplo nas inundacións da Costa da Morte ou na Mariña Lucense.

Sada, 13 abril 2016

O alcalde de Sada, Benito Portela, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, solicitaron no día de onte  unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para trasladarlle a situación dos concellos afectados polas inundacións do día 30 de marzo.

En concreto desde Sada o alcalde, Benito Portela, trasladaralle as resolucións adoptadas polo Pleno da Corporación o pasado 31 de marzo, onde se aprobou por unanimidade unha moción de urxencia solicitando a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil para a zona urbana de Sada polas inundacións do día 30 de marzo e onde se inclúe o acordo de solicitar á Xunta de Galicia que no ámbito das súas competencias, de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 5/2007 de Emerxencia de Galicia, leve a cabo o restablecemento dos servizos esenciais afectados polo propio acontecemento catastrófico e dispoña outorgar as axudas que proceda para a reparación dos danos e prexuízos causados, declarando de natureza catastrófica o episodio meteorolóxico acontecido en Sada, previo informe da Axencia Galega de Emerxencias.

“Estamos a pedir á Xunta, sinalou Benito Portela, o mesmo que a Xunta dictaminou na concesión de axudas de catástrofes similares en Galicia, nin máis nin menos.”

O dictame do Comité das Rexións (2010/C 79/04) establece a necesidade dunha resposta inmediata e directa ante a existencia de calquera situación de naturaleza catastrófica que por levar aparellados danos con repercusión no ámbito económico e social, faga articular mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administración implicadas.

Neste sentido o artigo 38 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de Emerxencias de Galicia, prevé a actuacións das adminsitracións públicas na medida das súas competencias para a rehabilitacións de servizos esenciais para a comunidade que fosen afectados pola situación de emerxencia, así como o establecemento de axudas en atención ás necesidades derivadas das ditas situación cando teñan naturaleza catastrófica. Portela lembralle ao presidente da Xunta que “xa con anterioridade a esta norma esa Administración ten actuado en diversas ocasións para paliar as consecuencias de acontecimientos catastróficos como o acontecido en Sada.”

O alcalde de Sada finaliza a súa petición de entrevista con Núñez Feijoo solicitando “a axuda da Xunta de Galicia para facer efectivo o dereito dos ciudadanos de Sada á protección en caso de catástrofe, ao igual que se fixo noutras ocasións como por exemplo nas inundacións da Costa da Morte ou na Mariña Lucense, dictando á maior brevidade as normas procedentes para a concesión de axudas de carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poideran ser beneficiarios os afectados”.

Actuacións do Goberno Local.

O goberno local de Sada pídelle á Xunta as actuacións necesarias para actuar en dous frentes, por un lado a concesión de axudas para os damnificados das inundacións e, por outro, a necesaria e urxente tramitación de actuacións nas infraestructuras de pluviais e saneamento en Sada. En ambos casos o goberno local ven de traballar desde o pasado 30 de marzo, día das inundacións en Sada, en distintas reunións cos veciños afectados, administracións e organismos, comunidades de propietarios ou consorcio de seguros.

Benito Portela mantivo conversacións con cada unha das administracións e organismos implicados para, por unha banda, incidir e acelerar na declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil e, por outra, lograr a colaboración necesaria de Augas de Galicia no desenvolvemento de actuacións urxentes para que non se volva a producir unha catástrofe semellante.

O mesmo día das inundacións Portela reuníase na zona afectada pola riada co Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Diego calvo, a quen nun primeiro momento agradeceu a disposición da Xunta de Galicia pero a quen tamén transmitiu a necesidade urxente e histórica de realizar actuacións ao redor da desembocadura do Río Maior para evitar este tipo de sucesos.

Ao día seguinte, o alcalde de Sada percorría xunto ao presidente da Deputación Provincial, Valentín González Formoso, a zona afectada comprobando os danos que se produciron en vivendas, baixos comerciais e garaxes, e incidía Portela na necesidade de buscar unha solución ante o problema de canalizacións que ten Sada que non foi capaz de absorber a cantidade de auga que caeu no mes pasado e acabou desbordando o río ao seu paso a zona das Brañas.

Ese mesmo día, e tamén na zona máis afectada, Portela reuníase co director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luís Menor, quen validó os labores levados a cabo a Sada ante as inundacións e tamén considerou que existían motivos para realizar a solicitude de zona catastrófica que levaría aparellada, de concederse, axudas estatais.

Ademais de reunirse na zona afectada con representantes da Xunta de Galicia e da Deputación o alcalde de Sada mantivo conversacións co Director Territorial e o Director de Operacións Estatal, ambos os do Consorcio de Seguros, para acelerar o peritaje dos inmobles afectados e atender ás familias coas pólizas de seguros.

Neste sentido o goberno local creou a Oficina de Información e Asesoramento aos afectados polas Inundacións. Nun primeiro momento dita oficina realizou un censo de afectados polas inundacións que incluía vivendas, trasteiros, locais comerciais, garaxes ou vehículos e asesorou aos veciños na tramitación co Consorcio de Seguros. 

O punto de información ampliouse cunha asesora xurídica do Consorcio dás Mariñas e persoal de Servizos Sociais para informar, asesorar e tramitar as solicitudes das axudas que se poden outorgar en réxime de concesión directa segundo recolle o real decreto 307/2015. As solicitudes remitiranse á Delegación de Goberno antes do 30 deste mes e o Ministro do Interior deberá resolver as mesmas de forma motivada no prazo de seis meses desde a data en que aquelas tivesen entrada no rexistro da Delegación.

O punto de información está citando desde o pasado luns a os 140 afectados para examinar cada caso e presentar as reclamacións de danos ás que poderán acollerse a maiores das compensacións que proveñan dos seguros e da declaración de zona de emerxencia de protección civil, se fose o caso.

O alcalde, Benito Portela, demandou tamén á Xunta de Galicia a través da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, Beatriz Mato, a dotación de partidas orzamentarias para a execución con carácter prioritario de diversas actuacións.

Concretamente, o alcalde de Sada solicitou á conselleira a mellora do cauce no casco urbano, actualmente canalizado cun marco no seu primeiro tramo e mediante tuberías de escasa sección no seu  segundo tramo; a instalación de comportas na desembocadura do Río Maior para impedir a entrada de auga de mar nas lagoas das Brañas en días previos aos de risco por precipitacións intensas ou persistentes; a realización dun tanque de tormentas en Sada ou regulación do caudal de augas residuais da rede de saneamento, sendo a súa construcción soterrada e ocupando terreos do sistema xeral viario e do paseo marítimo; a construcción dun tanque de tormentas nas Brañas, sendo tamén a dita construcción soterrada e igualmente a construcción dun novo “bombeo intermedio” da EDAR de Sada.

Estas peticións, aprobadas por unanimidade no pleno do 31 de marzo, e  que o alcalde comunicou á conselleira Beatriz Mato, tamén foron trasladadas ao Presidente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, e ao director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez.

Paralelamente en distintas conversacións telefónicas co subdelegado do goberno, Jorge Atán, o alcalde de Sada trasladoulle a necesidade da urxencia na tramitación e a necesidade de tramitar todas as axudas que a lexislación prevee nestes casos á vista dos danos que causou a riada en numerosas vivendas e locais comerciais.

Esa mesma petición remitiuselle ao Delegado de Goberno en Galicia e a Vicepresidencia e Consellería de presidencia, Adminsitracións Públicas e Xustiza. Froito destas conversacións o alcalde, mantivo unha xuntanza o pasado mércores con asesores e técnicos na Delegación de Goberno de cara a demandar todas as axudas que dentro do marco lexistlativo poideran solicitarse á vista do sucedido en Sada, xuntanza que deu lugar á  instalación da oficina de tramitación de axudas instalada no Concello de Sada e que conta cunha asesora xurídica e persoal de Servizos Sociais.

O pasado venres tamén acudía a Sada o director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, que xunto co alcalde, concelleiro de Obras e Servizos,  técnicos da Xunta e do Concello, examinaron a desembocadura do ría e os lugares onde a Concello precisa facer actuacións necesarias para que non se produzan  ríadas como as do día 30 de marzo no casco urbano da vila.

Arquivado en