O Goberno local leva a pleno un orzamento de 17 millóns para consolidar servizos públicos e investimentos

25 / ABR / 2026

O Goberno local leva a pleno un orzamento de 17 millóns para consolidar servizos públicos e investimentos

O orzamento inclúe máis de 2,5 millóns en investimentos reais para actuar sobre o territorio e mellorar o día a día da veciñanza. As políticas sociais superan os 3 millóns de euros, reforzando a atención ás persoas e aos colectivos máis vulnerables

O Goberno municipal de Sada levará ao Pleno para a súa aprobación o Orzamento 2026, que ascende a preto 17 millóns de euros, cunha clara aposta por reforzar os servizos públicos, incrementar os investimentos e seguir avanzando na transformación do municipio. As contas consolidan unha liña de traballo centrada nas persoas e no fortalecemento do público grazas ao equilibrio orzamentario acadado polo goberno ó longo destes anos. O documento destina máis de 14,2 millóns de euros ao gasto corrente, garantindo o funcionamento dos servizos municipais, e reserva 2,6 millóns de euros para operacións de capital, evidenciando un equilibrio entre a prestación de servizos e o impulso inversor.

Un dos piares destas contas é o investimento, con 2.5 millóns de euros en investimentos reais, que permitirán actuar directamente sobre o territorio. Entre as partidas máis destacadas figuran os 487.500 euros vinculados ao proxecto do Río Maior, os 165.000 euros para acondicionamento de camiños municipais, os 90.000 euros para un camión basculante da brigada de Obras e Servizos, ou os investimentos en seguridade e emerxencias, con máis de 150.000 euros en maquinaria e medios para Policía Local e Servizo de Emerxencias Municipal, ademais de novos vehículos e equipamento. Tamén se destinan recursos relevantes á mellora das infraestruturas básicas, con 55.000 euros en saneamento, 65.000 euros en abastecemento de auga e actuacións en alumeado público e espazos urbanos.

No ámbito social, o orzamento supera os 3 millóns de euros, destacando o Servizo de Axuda no Fogar, cuxo contrato foi aprobado recentemente en pleno; 1,2 millóns de euros para dependencia e outros 225.000 euros para atención básica, ademais da partida de 650.000 para o contrato de xestión da Escola Infantil municipal e outras obras de mellora. Trátase dun esforzo económico que consolida unha rede de protección sólida e que sitúa ás persoas no centro da acción de goberno.

No ámbito educativo, destacan os 224.367 euros para seguir avanzando na tramitación da expropiación de terreos para ampliación do CEIP Sada e Contornos, así como investimentos en escolas infantís e centros públicos, estes últimos acordados coas direccións dos mesmos, que suman 130.000 euros. A isto súmanse actuacións en instalacións deportivas, culturais e veciñais, destacando a partida de 225.000 euros para a rehabilitación da Capela de San Roque, ou os 65.000 euros para reformar a Casa do Pobo de Meirás.

As contas incorporan actuacións distribuídas por todo o municipio, asegurando un desenvolvemento equilibrado entre o núcleo urbano e as parroquias, e dando resposta a demandas en materia de mobilidade, espazos públicos, praias ou equipamentos. Dende o Goberno local destacan que estes orzamentos “demostran con cifras o compromiso cun modelo de Sada máis xusto, máis moderno e mellor preparado para o futuro”, subliñando que este Goberno “mobiliza preto de 17 millóns de euros para seguir transformando o municipio con feitos”, tal e como sinalou o alcalde, Benito Portela.

Arquivado en