O Concello de Sada licita a primeira fase da reforma do Campo de Fútbol As Mariñas - Andrés Pena

10 / ENE / 2026

O Concello de Sada licita a primeira fase da reforma do Campo de Fútbol As Mariñas - Andrés Pena

O Concello inviste nesta obra medio millón de euros, que se suman ó investido estes anos no mantemento desta relevante infraestrutura deportiva. Entre as actuacións previstas destaca a renovación completa do céspede artificial do campo principal e a creación dunha nova zona de quecemento

O Concello de Sada vén de licitar por 500.000 euros a Fase 1 da reforma integral do recinto deportivo As Mariñas Andrés Pena, unha actuación prioritaria do goberno municipal destinada a modernizar esta instalación e garantir o seu uso seguro, funcional e adaptado ás necesidades actuais. As empresas poderán presentar ofertas ata final de mes é, unha vez adxudicadas, as obras terán unha duración de dous meses dende o seu inicio.

Esta primeira fase forma parte dun proxecto global promovido polo Concello e recolle as intervencións máis urxentes e fundamentais para a práctica deportiva. Entre as actuacións previstas destaca a renovación completa do céspede artificial do campo principal mediante a substitución do sistema sintético actual por un novo pavimento deportivo de altas prestacións. Así mesmo, executarase unha nova zona de quecemento anexa ao terreo de xogo equipada cun pavimento técnico adecuado para o acondicionamento previo das e dos deportistas.

O proxecto inclúe tamén a ampliación da canle perimetral de drenaxe, co obxectivo de mellorar a recollida e evacuación das augas pluviais, optimizando o comportamento do recinto en condicións meteorolóxicas adversas. A estas actuacións súmanse a mellora do sistema de rego, a pintura e posta a punto do peche perimetral da parcela, e a subministración e instalación de novo equipamento deportivo regulamentario, como bancadas, porterías e bandeirolas de córner, ademais de elementos auxiliares como limpabotas, que facilitan o uso e mantemento da superficie de xogo.

A reforma completarase cunha segunda fase que contempla a renovación e ampliación dos vestiarios —incluíndo un vestiario feminino—, a ampliación dos accesos para o público, a renovación da iluminación do terreo de xogo, a instalación dun panel dixital e a cuberta da grada.

Con esta relevante actuación ponse de manifesto o compromiso do Concello de Sada co deporte municipal, destacando a importancia estratéxica do recinto deportivo As Mariñas Andrés Pena e a necesidade de dotalo de infraestruturas modernas, seguras e adaptadas ao uso intensivo que realizan os clubs, as escolas deportivas e a veciñanza.

A Concellería de Deportes destaca que o proceso de mellora desta instalación vén de lonxe. Ata o de agora leváronse a cabo actuacións puntuais e traballos de mantemento que permitiron dar resposta ás necesidades cotiás, garantindo o funcionamento do campo e o desenvolvemento da actividade deportiva e social sen interrupcións. Aínda que se trataba de intervencións de menor alcance, foron fundamentais para manter o recinto operativo mentres se avanzaba na planificación dunha reforma integral e estrutural como a que agora se inicia coa licitación desta Fase 1.

Arquivado en