O goberno galego non atendeu ningunha das demandas expostas polo Concello de Sada ó longo destes meses. “A Xunta aumenta os custes do transporte público para o Concello de Sada ó tempo que nos recorta servizos, non o imos tolerar”, remarcou o alcalde, Benito Portela
PROPOSTAS DO CONCELLO DE SADA PARA MELLORAR O TRANSPORTE METROPOLITANO NO MUNICIPIO DE SADA
O alcalde de Sada, Benito Portela, participou esta mañá nunha nova reunión da Comisión de Seguimento do Transporte Público Metropolitano, convocada pola Xunta de Galicia. Durante o encontro, o rexedor expresou o seu fondo malestar ao constatar que o Goberno galego non aceptou ningunha das propostas trasladadas ao longo do último ano para mellorar o servizo de transporte público no noso municipio.
A Xunta solicitara en novembro aos concellos que presentaran por escrito as melloras necesarias para corrixir as múltiples deficiencias detectadas. O Concello de Sada cumpriu e remitiu un documento rigoroso, con propostas concretas que abranguen todas as liñas que discorren polo termo municipal. Estas mesmas demandas xa foran defendidas polo alcalde en anteriores reunións, tanto técnicas como políticas. Hoxe, non sen certo asombro, confirmouse que ningunha delas foi atendida.
Cómpre lembrar que a orixe desta situación está nos cambios introducidos hai un ano na liña que atravesa as parroquias de Veigue e Carnoedo, que deixaron ás súas veciñas e veciños sen conexións dignas coa cidade da Coruña. A día de hoxe non se recuperou a normalidade nin se achegou ningunha solución viable, máis alá de pequenas modificacións que non dan resposta ás necesidades reais das persoas usuarias. Só hai que sinalar que se pasou de 25 expedicións diarias a 22, das cales 6 requiren un transbordo que antes non existía.
A situación é especialmente preocupante nas liñas que conectan Sada coa Coruña a través de Meirás e Osedo, as máis utilizadas pola veciñanza. Lonxe de seren reforzadas, como se leva reclamando reiteradamente, manteñen unha frecuencia escasa e uns tempos de percorrido pouco operativos. “Este desleixo non só prexudica a quen depende do transporte público para traballar, estudar ou acudir a consultas médicas, senón que pon en cuestión calquera discurso sobre mobilidade sustentable que se faga desde a administración autonómica”, asegurou o alcalde Benito Portela. “Ao tempo, a Xunta pretende que o Concello pague máis por un servizo que, obxectivamente, é peor”.
O Concello de Sada esixe á Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades, que escoite aos concellos e á cidadanía, e que active de inmediato as melloras necesarias para garantir un servizo digno, eficiente e adaptado á realidade dunha vila en continuo crecemento poboacional. De non ser así, o Concello tomará as decisións que considere oportunas na defensa dos intereses da veciñanza e dos recursos públicos municipais.