
Persoas usuarias están a manifestar a súa desconformidade co cambio impulsado pola oposición no pleno. O Concello traballa nunha solución que permita recuperar o normal funcionamento que sempre existiu na instalación
O Concello de Sada leva xa varios días comprobando como está a funcionar na práctica o cambio de funcionamento impulsado a pasada semana pola oposición na piscina municipal. A extensión da obrigatoriedade de que os menores de 14 anos estean acompañados por unha persoa adulta en toda a instalación —vestiarios incluídos— supón unha modificación relevante respecto do que se viña aplicando ata agora, xa que dita supervisión limitábase ao vaso da piscina por razóns de seguridade acuática. Esa extensión da esixencia de idade está a xerar dificultades innecesarias e inexistentes ata o de agora no día a día dun servizo que utilizan máis de 800 persoas abonadas e 200 cursillistas.
Dende a Concellería de Deportes está a traballarse nunha solución que permita recobrar a normalidade no uso da instalación. Unha solución que garanta a intimidade dos menores, tal e como sempre estivo garantida, e que sexa compatible cos espazos de que dispón a piscina municipal. Unha solución, en definitiva, na que prime o sentido común como defendeu en todo momento o goberno local.
O cambio impulsado a raíz do debate en pleno dunha moción da oposición nunca respondeu a un problema xeralizado, senón a unha demanda minoritaria que non buscaba mellorar o funcionamento da instalación, unicamente atender uns intereses particulares. Pola contra, en apenas cinco días o Concello está a recoller numerosas queixas, mesmo algunha baixa de abonados, por un cambio que non está a satisfacer ó groso das persoas usuarias. Esta situación foi advertida polo goberno local, pero non atendida pola oposición. Lamentamos que o descoñecemento manifestado pola oposición ao respecto da organización e funcionamento da piscina municipal estea a afectar desta maneira ao conxunto das persoas usuarias.
Por último, o Concello de Sada quere trasladar o seu recoñecemento ao persoal da piscina municipal, que está a afrontar esta situación con profesionalidade, responsabilidade e compromiso co servizo público