O alcalde de Sada reactiva o proxecto do río Maior mantendo unha xuntanza coa Directora Xeral de Augas de Galicia e solicitando unha entrevista coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para tratar este asunto estratéxico para a vila sadense.

12 / XUL / 2023

O alcalde de Sada reactiva o proxecto do río Maior mantendo unha xuntanza coa Directora Xeral de Augas de Galicia e solicitando unha entrevista coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para tratar este asunto estratéxico para a vila sadense.

Na xuntanza, solicitada ao día seguinte de acceder ao cargo e mantida no día de onte coa directora do ente autonómico, Portela interesouse polo estado actual no que se atopa a redacción do proxecto constatando unha total inacción nos derradeiros sete meses por parte do anterior goberno municipal. Á reunión asistiron tamén o Concelleiro de Obras e Servizos e Medio Ambiente e o arquitecto municipal quen, despois de analizar o documento solicitado polo concello e facilitado a este hai uns días, acudía cunha serie de suxestións ao proxecto que serán analizadas polos técnicos nunha xuntanza a celebrar mañá xoves. A dimensión adquirida polo proxecto, que, amais de minorar enormemente o risco de inundación, procura a re-naturalización do último tramo dos ríos Maior e Fontoira e a transformación do centro de Sada, eleva o investimento a máis de seis millóns de euros e fai que sexa precisa unha reformulación do financiamento do mesmo.

O Alcalde de Sada mantivo este martes unha xuntanza de traballo coa Directora Xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na que se abordaron aspectos técnicos do estado actual e do futuro do proxecto do río Maior, proxecto que pretende a minoración do risco de inundación na zona de Cantalarrana e A Lagoa, declarada como ARPSI número ES014CO120201 polo ente autonómico.

Segundo a información facilitada pola directora xeral, a redacción do proxecto, financiada integramente polo Concello de Sada, estará rematada a finais do verán atopándose na actualidade en fase de supervisión técnica e será agora cando o Concello de Sada envíe as súas suxestións para incluír no documento toda vez que nos últimos sete meses non se realizou ningún tipo de achega ao mesmo por parte do concello.

Dende o ente local informan que, unha vez recibido o proxecto definitivo, este darase a coñecer aos veciños, procederase á información pública do mesmo e, asemade, realizaranse os trámites municipais pertinentes como paso previo para poder iniciar as obras, procedendo á preceptiva posta a disposición dos terreos para a execución dos traballos.

Por outra banda, desde a Xunta instase ao Concello a buscar a implicación da Deputación Provincial da Coruña no co-financiamento desta actuación cuxo orzamento final ascende a máis de seis millóns de euros, toda vez que o convenio asinado entre a administración autonómica e a local prevé unha colaboración cun investimento de 1,5 millóns de euros no que o concello aporta un millón de euros e o ente autonómico cincocentos mil.

Por último, o alcalde de Sada ven de remitir no día de hoxe unha carta á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a señora Ethel Vázquez, solicitando unha entrevista coa máxima responsable da administración autonómica na que se poida “concretar os acordos precisos referidos á planificación, programación de prioridades, prazos, financiamento e execución das obras necesarias para evitar os asolagamentos na nosa vila”.

O acceso aos fondos Next Generation son outras das posibles fontes de financiamento que o Concello está a analizar e valorar para a execución do proxecto.

Arquivado en