XV MOSTRA DE TEATRO DE SADA, PREMIOS LUGRÍS FREIRE 2019

12 / ABR / 2019

XV MOSTRA DE TEATRO DE SADA, PREMIOS LUGRÍS FREIRE 2019

O Concello de Sada programa XV Mostra de Teatro, Premios Lugrís Freire 2019, coa que pretende fomentar a cultura en xeral e as artes escénicas en particular. 

Bases da XV Mostra de Teatro de Sada

ANEXO I .Ficha Inscrición

ANEXO II. Declaración responsable

Desde o Concello de Sada inténtase achegar máis o Teatro á poboación de Sada, aportando unha mostra do panorama do teatro amador que se fai dende Galicia e, na medida en que se inscriban compañías foráneas e saian seleccionadas, tamén dende outras comunidades autónomas.

A Mostra pretende servir de estímulo e fomentar a participación cidadá activa, que atopa unha canle estable a través da actividade da Escola Municipal de Teatro de Sada.

Precisamente a Compañía Municipal de Teatro do Concello de Sada terá nesta Mostra un espazo ideal no que facer a estrea das súas obras, sendo tamén unha plataforma axeitada para os demais grupos de teatro afeccionado sadenses.

A XV Mostra de Teatro, Premios Pintor Lloréns, terá lugar na Casa da Cultura de Sada os domingos 15, 22, 29 de setembro e 6, 13 e 20 de outubro. Fixándose o domingo 27 de outubro como data de celebración da Gala de Clausura e de entrega de premios.

Poderán participar as compañías interesadas, independentemente da súa procedencia ou da súa participación en edicións previas desta Mostra. O prazo de inscrición par apresentar as obras rematará o 11 de maio.

A Comisión de Selección proporá, en base a criterios artísticos de posta en escena e calidade interpretativa, unha lista de 6 espectáculos que formarán o cartel da “XV MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO, CONCELLO DE SADA. PREMIOS LUGRÍS FREIRE”.

Establécese un premio de 800 € para as compañías seleccionadas para a fase de representacións da Mostra. Admeáis dótase o concurso dun premio de 400 € ó mellor espectáculo para o xurado en base a criterios artísticos de calidade do texto escollido/creado, posta en escena, calidade das actuacións, escenografía, vestiario, uso do espacio escénico, proposta artística de iluminación e son. Tamén se premiará con 400 € o mellor espectáculo para o público, mediante a puntuación media acadada na votación directa que se organizará despois de cada función.

Haberá un recoñecemento do xurado á mellor actriz e ao mellor actor recoñecidos con diploma e estatuíña.

Arquivado en