XII Mostra de Teatro Afeccionado de Sada

23/03/2016

XII Mostra de Teatro Afeccionado de Sada

Dende a Concellería de Cultura do Concello de Sada presentamos unha nova edición, e xa van 12, da nosa Mostra de Teatro Afeccionado. Premios Lugrís Freire. A presente edición trae 4 obras a concurso, que se irán representando nas primeiras dúas fins de semana de abril. 

COMPAÑÍAS DE GALICIA E DE MADRID.

Nesta ocasión recibíronse un total de 32 solicitudes, tanto de Galicia como doutras comunidades, polo que foi un traballo duro o de seleccionar os definitivos 4 espectáculos. As obras escollidas para esta edición serán defendidas por compañías de A Coruña, Lugo e Alcobendas.

Como diciamos, foi complicado acadar a decisión final, xa que se recibiron traballos de grande calidade. Recoñecemos que algunha das compañías non seleccionadas podía perfectamente estar por méritos propios no cartel desta edición, e é por iso que se decidiu convidar a unha delas a poñer o peche na Gala de Clausura do sábado 16.

CARTEL ABRIL 2016:

Nesta edición o público poderá gozar das seguintes representacións:

SÁBADO 2: FarandOleiras Cabaré, con "Pánico", de Clara Gayo.

DOMINGO 3: A.T. Mariñán, con "O de menos é o nome", de Angelo T. Malone.

SÁBADO 9: Lomascrudo Teatro, con "El conflicto Papin. Las hermanas asesinas", adaptación de Sepu Sepúlveda.

DOMINGO 10: Nostrum Cai, con "Alba. A casa pechada", adaptación da obra de Federico García Lorca.

Todas as funcións terán lugar no auditorio da Casa da Cultura a partir das 20:00h. A entrada será gratuita ata completar aforo.

PAPEL PROTAGONISTA DO PÚBLICO:

Como é habitual na nosa Mostra, o público terá un papel protagonista á hora de outorgar os premios finais do certame. Tras cada representación, os asistentes poderán expresar a súa valoración das obras presenciadas, a través de papeletas que se entregarán á saída.

Coas súas votacións determinarase a compañía gañadora do Premio do Público da XII Mostra de Teatro Afeccionado. Ademáis, un xurado formado por persoas relacionadas co mundo do teatro aportará as súas propias valoracións para determinar o Premio do Xurado.

SÁBADO 16 GALA DE CLAUSURA:

A entrega dos premios organizarase o sábado 16 de abril ás 20:00h. no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns.

Entregaranse os Premios Lugrís Freire, tanto os do xurado da Mostra como os outorgados polo público. Ademáis, farase entrega das estatuiñas oficiais do certame, deseñadas polo escultor sadense Rubén González. O peche teatral virá da man da compañía Andaravía Teatro.

Esta compañía de Vedra ven de organizar a XIII edición do seu propio festival, o recoñecido "Teatrofilia". No noso escenario representarán a obra Maniféstate!, de Manuel Cortés, dirixida por Paula Carballeira.

Agardamos que esta proposta poida ser do voso interese, e que gocedes dunha proposta cultural e de ocio de calidade. Recibide un cordial saúdo. Vémonos no teatro!

Concellería de Cultura e Praias.

Concello de Sada.

 

NOTA DE PRENSA DO 23 DE MARZO

A Mostra de Teatro Afeccionado de Sada selecciona obras da área metropolitana e das comunidades galega e madrileña.

- As 32 solicitudes para participar na edición da Mostra de Teatro de Sada deste ano convértena na máis concorrida nos doce anos de existencia.

-Cultura establece un premio de 400€ para as compañías seleccionadas na fase da Mostra, un premio de 400€ ao mellor espectáculo para o xurado e un premio de 300€ ao mellor espectáculo para o público. A figura dos Premios Lugrís Freire recoñecerá á mellor actriz e ao mellor actor

-A Mostra de Teatro de Sada comezará o sábado 2 de abril coa representación da obra “Pánico” da compañía FarandOleiras, do concello limítrofe de Oleiros, e terá o seu fin o sábado 16 de abril cunha gala de clausura que incluirá un espectáculo teatral e a entrega de premios.

A Concellaría de Cultura, xestionada por Marcos Villar, dentro das súas competencias na promoción da participación cultural activa da poboación, programa a Mostra de Teatro Afeccionado que celebra este ano a súa duodécima edición.

O certame pretende mostrar a creación teatral de compañías de carácter afeccionado e ao mesmo tempo servir de plataforma que faga visible, dea impulso e fortaleza este sector de creación cultural.

“As compañías de teatro afeccionadas, sinala Marcos Villar,  achegan a un amplo sector de poboación á creación dramática e serven de viveiro para facer emerxer novos talentos artísticos. Para esta concellaría, unha das finalidades máis importantes da Mostra de Teatro é a de consolidar e aumentar o público interesado nas creacións artísticas, ademais de ser consecuentes co labor de formación e promoción cultural que leva a cabo desde a Escola e a Compañía Municipal de Teatro”.

Este ano presentáronse 32 obras a este certame das cales se seleccionaron un total de catro para a fase final da mostra que terá lugar do 2 ao 16 de abril na Casa da Cultura de Sada.

“Con este certame, sinala Marcos Villar, téntase achegar máis o teatro á poboación de Sada, ofrecendo unha visión do panorama do teatro amateur que se fai non só desde o noso ámbito senón que, na medida en que se apunten e saian seleccionadas, tamén noutras comunidades autónomas”.

O persoal da concellaría de Cultura despois de visionar as obras presentadas a concurso decidiu seleccionar as compañías FarandOleiras de Oleiros,  A.T. Mariñan de Betanzos, Nostrum Cai de Lugo e Lomáscrudo Teatro de Alcobendas.

Premios

A concellaría de Cultura establece un premio de 400€ para as compañías seleccionadas da Mostra, que deberán representar a súa obra no auditorio municipal para a fase de concurso da XII Mostra.

Ademais outorgarase un premio de 400€ ao mellor espectáculo para o xurado en base a criterios artísticos de calidade do texto escollido/creado, posta en escena, calidade das actuacións, escenografía, vestiario, uso do espazo escénico, proposta artística de iluminación e son. Tamén se dotase dun premio de 300€ ao mellor espectáculo para o público, mediante a puntuación media conseguida na votación directa que se organizará despois de cada función.

Haberá un recoñecemento do xurado á mellor actriz e ao mellor actor onde se valorará a expresión corporal, a proxección da voz e a dicción, o traballo de construción dos personaxes, a coherencia da emoción que motiva a acción dos actores/actrices ao servizo das necesidades da historia que conta a obra. O premio será recoñecido con diploma e coa figura oficial dos Premios Lugrís Freire.

Arquivado en:
Novas. Cultura.

Temas:
Cultura. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.