Teño unha pregunta para o alcalde

17 / MAR / 2016

Teño unha pregunta para o alcalde

-Escolares do CEIP Pedro Barrié da Maza de Mondego charlan co alcalde, Benito Portela, no parque infantil do Paseo Marítimo dentro do proxecto que os levou onte, xunto cos seus mestres, a realizar  unha ruta polas rúas de Sada.

-Finalizaron a actividade realizando unha limpeza da Praia de Sada para concienciar sobre a necesidade de sensibilización ambiental.

Sada 17 febreiro 2016

Onte á mañá presentáronse no Concello un grupo de escolares de 2º curso de Educación Primaria do CEIP Pedro Barrié da Maza para que o alcalde, Benito Portela, contestase a algunhas preguntas sobre "a localidade".

Os alumnos e alumnas do colexio de Mondego realizaban, xunto cos seus mestres, unha ruta polas rúas da vila dentro do proxecto que están a traballar na escola sobre a localidade.

Portela achegouse ao parque infantil do paseo marítimo, onde estaban reunidos os escolares, e respondeu as preguntas sobre a vila que lle realizaron.

Por que traballa de alcalde?, foi unha das primeiras preguntas á que Portela respondeu ?por convicción e vocación, para facer de Sada un sitio mellor".  A esta seguíronlle varias relacionadas co concello interesándose os escolares polos servizos que ofrece, ou como se formou Sada?, pregunta que aproveitou o alcalde para repasar a historia castrense do municipio.

Algún, sabendo que a política deixa poucos amigos, aproveitou para preguntarlle ao alcalde se tiña "moitos amigos" ao que Portela respondeu que os que ten "xa os tiña antes de ser alcalde".

Outros escolares centráronse no edificio do concello para coñecer cantos anos  ten o edificio de usos administrativos ou se o alcalde vivía "nesa casa tan grande".

A quenda de preguntas finalizou con varias relacionadas coas Brañas. A pregunta de como se formaron as lagoas foi respondida por Benito Portela facendo un breve percorrido pola historia das telleiras e a aparición das lagoas. E imos poder velas? preguntaron. "Eu espero que si,  vós  e toda a cidadanía" finalizou o alcalde.

Os escolares seguiron coa actividade que lles levou a desfrutar dunha pequeña merenda no parque do paseo marítimo e a realizar unha limpeza da Praia de Sada para concienciar sobre a necesidade de sensibilización ambiental.

Arquivado en