Sadanda, o programa saudable para que a xente camiñe e retomen as relacións sociais

23 / NOV / 2017

Sadanda, o programa saudable para que a xente camiñe e retomen as relacións sociais

Os máis paseantes de Carnoedo e Veigue saíron a andar este sábado. Fixérono no que pretende ser o preámbulo da cita que se marcaron para o día 26, onde se realizará unha ruta pasando por Carnoedo, Meirás, Mosteirón e Soñeiro para dar a coñecer Sadanda, un programa co que se tenta promocionar a saúde entre os veciños das distintas parroquias e xerar comunidade.

Sada 13 novembro 2017.

A idea partiu do consello sectorial de Benestar, Muller e Saúde. "Somos un pequeno grupo, ben levado e activo e este verán propuxémonos facer unha pequena enquisa sobre as inquedanzas da poboación en saúde e propoñerlles roteiros saudables e que camiñaran xuntos, en vez que cada un camiñe só, ou cun amigo ou a veciña máis próxima, intentar que en cada parroquia puxeran un día e unha hora para facelo xuntos”, explica Rexina Basadre, médica e integrante dese consello sectorial.

“O roteiro saudable é un intento porque a xente camiñe e, ao mesmo tempo, que retomen as relacións sociais que están tan perdidas polo tipo de vida que facemos, xa non hai vida comunitaria social nas parroquias, o estilo de vida das cidades exportouse ao medio rural”, explica esta médica.

Tras unha primeira rolda polas parroquias, esta semana finalizan coa visita hoxe a O Castro e mañá a Soñeiro. Pero hai lugares onde xa callou a idea, así os veciños de Meirás quedan os mércores ás 17.00 horas e os de Carnoedo e Veigue, ás 9.30 horas, todos os sábados. Con todo, Basadre recoñece que Veigue é onde se atoparon unha resposta mellor e sinala que a implicación da asociación de veciños está a ser fundamental para dar a coñecer Sadanda.

“Un rapaz novo da asociación de veciños tomouno súper en serio, e publica cada semana a ruta que se vai facer e cólgaa fóra. Eu fun con eles hai dos sábados e eramos uns quince. Dun xeito tan preparado só o fai Veigue, pero démonos conta, nesta segunda volta, que xente que camiñaba soa, como en Carnoedo ou Mosteirón, agora quedan en grupos de tres ou catro”, indica.

Arquivado en