Sada únese ao programa APEGO para fomentar o uso do galego desde os primeiros anos de vida

21/03/2017

Sada únese ao programa APEGO para fomentar o uso do galego desde os primeiros anos de vida

-Os municipios coruñeses de Sada e Cee, a cidade de Lugo, as localidades pontevedresas de Nigrán, Ponteareas e Vilagarcía e o concello ourensán do Carballiño, adheríronse ao programa 'Apego', e pasan a unirse ás outras 23 xa incorporadas a este programa. Con iso, xa forman parte de 'Apego' as sete grandes cidades galegas e "as principais áreas urbanas" de Galicia.

- Vídeo de APEGO


Sada, 21 marzo 2017.

Sada, a través da concellería de Normalización Lingüística que xestiona o alcalde Benito Portela, súmase a o proxecto APEGO dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos ou programación de actividades.

Os municipios coruñeses de Sada e Cee, a cidade de Lugo, as localidades pontevedresas de Nigrán, Ponteareas e Vilagarcía e o concello ourensán do Carballiño, adheríronse ao programa 'Apego', e pasan a unirse ás outras 23 vilas xa incorporadas a este programa. Con iso, xa forman parte de 'Apego' as sete grandes cidades galegas e "as principais áreas urbanas" de Galicia.

O acto de presentación, celebrado o pasado venres en Nigrán e onde se explicou que é o Apego e a quen se dirixe, foi presidido polo alcalde de Nigrán, Juan González, e contou cun concerto de música infantil, “Letras e notas” protagonizado por Magín Blanco como mostra das actividades que se desenvolven no proxecto para darlles ás familias recursos para activar a lingua.

Ademáis fíxose fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza dos concellos adheridos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos  e resaltouse a necesidade dun proxecto coma este que “valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable”.

De maneira especial, animouse ás nais e pais a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.

A coordinadora do proxecto e técnico de normalización lingüística do concello de Ames, Rosa Moreiras, indicou no acto que o obxectivo deste programa é "promover e arroupar a crianza en galego", polo que poden integrarse as familias que están a esperar un bebé ou que teñen un fillo de 0 a 6 anos.

Por medio de 'Apego', créase unha rede de contacto fluído entre as familias e os concellos e entre os propios nenos; organízanse actividades para familias, profesores e nenos; e ponse a disposición das familias diferentes recursos físicos e virtuais. Actualmente hai unhas 2.000 familias adheridas ao programa, e "moitas máis" participan nas actividades organizadas.

As persoas interesadas poden contactar co proxecto a través da súa presenza na internet: www.apego.gal facebook.com/apego.gal

 

Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Meirás. Mondego. Mosteirón. Osedo. Sada. Soñeiro. Veigue.

Temas:
Formación. Educación. Participación Cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA