Sada súmase ao Festival Internacional PhotoEspaña de fotografía desde os balcóns

01/04/2020

Sada súmase ao Festival Internacional PhotoEspaña de fotografía desde os balcóns

 

A 23ª edición desta cita convida os sadenses a inmortalizar o día a día desde as súas xanelas, terrazas e balcóns durante o confinamento

As mellores imaxes exporanse na web do evento e ademais desde a concellaría de Participación Cidadá realizarase este verán unha exposición, con todas as fotografías achegadas polas veciñas e veciños sadenses, nun lugar público da vila.


Sada, 1 abril 2020.

Estes días estamos a vivir situacións inesperadas pola expansión en todo o mundo do COVID-19. E é agora cando moitos estamos a descubrir a quen viven ao noso ao redor e vemos como o talento e a creatividade de moitos acompañan a outros no día a día, facéndoo máis levadío e agradable.

Convencidos do talento e creatividade de todos os cidadáns, e conscientes do papel que balcóns e xanelas están a xogar nestes días de corentena, en PHotoESPAÑA abren esta convocatoria a través das redes sociais para calquera persoa que queira compartir unha imaxe desde o seu balcón.

#PHEdesdemibalcón é unha chamada á creatividade e exploración artística dos cidadáns, que toma como punto de partida xanelas e balcóns, que funcionan como vimos ao longo da historia de arte como un separador entre o espazo interior (e persoal) e o mundo exterior. Pero tamén como unha fonte de anhelo e liberdade. Confinamento e infinitud. Inmediatez e fugacidade.

Por iso desde PHotoESPAÑA queren mostrar a través desta convocatoria todas esas imaxes que desde as xanelas e balcóns calquera cidadán poida capturar.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A temática desta convocatoria é libre. A participación está aberta a todos os públicos, cada participante deberá:

  • Seguir á conta de PHotoESPAÑA en Instagram: @photoespana_
  • Subir as súas fotografías a través do seu perfil de Instagram cos hashtags #PHEdesdemibalcón e #PHE20, así como mencionar a conta de PHotoESPAÑA @photoespana_  e @omixsada (o perfil deberá estar aberto mentres dure a convocatoria)
  • Rexistrar a súa participación a través do formulario desta páxina para aceptar as bases desta convocatoria 

Na web de PHotoESPAÑA mostrarase unha selección diaria das mellores imaxes participantes a través dunha galería virtual.

Esta convocatoria finaliza o 17 de maio de 2020. PHotoESPAÑA escollerá de entre todos os participantes unha selección de 50 imaxes que serán expostas durante a XXIII edición do Festival nunha mostra colectiva nalgúns dos balcóns máis emblemáticos das cidades españolas.


Arquivado en:
Novas. Avisos. Participación Cidadá, Transparencia, Cooperación, Mocidade e Novas Tecnoloxías.

Temas:
Turismo. Cultura. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.