Sada solicita a inmediata subscrición do convenio das obras no Río Maior para minimizar o risco de inundacións

08 / SEP / 2020

Sada solicita a inmediata subscrición do convenio das obras no Río Maior para minimizar o risco de inundacións

O alcalde de Sada, Benito Portela, remitiu hoxe unha carta á Conselleira Ethel Vázquez na que lle informa que o Concello ten aprobada desde finais de xuño a consignación de 75.000 euros para á redacción do correspondente proxecto de execución da obra.

O Concello de Sada agarda que a demanda, acordada por unanimidade polos grupos do Pleno da Corporación e cuxa necesidade e urxencia é coñecedora a Conselleira, se vexa materializada o máis axiña posible.

Sada, 8 setembro 2020.

O alcalde de Sada, Benito Portela, enviou hoxe unha carta á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na que, ademais de enviarlle “un sincero recoñecemento polo novo e recente nomeamento”, solicítalle a inmediata subscrición do convenio de colaboración destinado á redacción e financiamento do proxecto a executar na canle do río Maior de Sada, “acordo encamiñado a lle pór solución á problemática xerada por dito río no tramo final da súa desembocadura no centro da nosa vila”.

O rexedor lémbralle á Conselleira “que xa transcorreron uns meses dende que tiveramos a xuntanza na que, Consellaría e Concello, adquiriramos unha serie de compromisos referidos á subscrición dun convenio de colaboración destinado á redacción e financiamento do proxecto a executar na canle do río Maior de Sada”, convenio que o Pleno do Concello de Sada acordou solicitar, o 30 de marzo de 2017, por unanimidade de todos os Grupos Municipais (Sadamaioría, BNG, PP, PSOE e PDSP), “sendo dita unanimidade unha clara mostra da dimensión e do alcance dun problema que, certamente, non coñece de intereses partidistas senón de obrigas á hora de satisfacer necesidades básicas”.

Durante moitos anos lévanse producindo en Sada sucesivas inundacións, as cales foron determinantes para que, en abril de 2019, a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade declarara o tramo final do río Maior como ARPSI. “É o momento preciso, sinala Portela, de actuar en consecuencia e, neste sentido, eu, dende o mesmo momento da miña chegada ao goberno municipal de Sada, levo reclamando as intervencións necesarias no tramo final do río para darlle solución a un problema que leva condicionando a vida dos veciños e veciñas da zona durante demasiados anos”.

Proba deste compromiso é que no pleno municipal celebrado o pasado 15 de maio aprobouse a modificación de crédito que consignaba os fondos necesarios, 75.000 euros, para á redacción do correspondente proxecto de execución da obra en cuestión; é, en segundo lugar, que, en base ao documento de convenio acordado, as achegas a facer polas distintas administracións, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Sada, deberán consignarse nos futuros orzamentos dos anos 2021 e 2022.

Por elo, o Concello de Sada solicita da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade “a inmediata subscrición do convenio antes mencionado agardando que a demanda se vexa materializada o máis axiña posible”.

“Como ben sabes, sinala o alcalde, son estes tempos difíciles, incertos e estraños nos que o traballo e as responsabilidades das persoas que ocupamos postos de goberno veñen rexistrando un importante incremento da tensión e un nivel de esixencia moi alto, mais, neste sentido, estou seguro de que serás quen de afrontar os futuros retos que te agardan coa audacia e a valentía que o pobo galego precisa e merece”. 

Arquivado en