SADA SEDE DA XXVI REGATA DE CRUCEIROS PARA DOUS TRIPULANTES E SOLITARIOS

11/09/2019

SADA SEDE DA XXVI REGATA DE CRUCEIROS PARA DOUS TRIPULANTES E SOLITARIOS

-A proba, que terá lugar o vindeiro sábado 14 de setembro na ría de Sada, conmemora o quinto centenario da primeira “Circunnavegación do mundo Magallanes-Elcano”.


Sada, 10 setembro 2019.

O vindeiro sábado 14 de setembro,  o club Náutico de Sada e Porto Deportivo de Sada coa colaboración da concellaría de Educación e Deportes do Concello organiza, nun circuíto de 100  millas cadradas, a decana das regatas de cruceiros para dous tripulantes en Galicia, vixésimo sexta edición da popular regata A2. 

Desde a organización espérase un bo día para a práctica de vela así como unha gran participación como adoita ser habitual neste veterano evento que organiza o club  sadense coa colaboración do Concello de Sada onde os gañadores do catro clases recibirán trofeos e todos os participantes un agasallo conmemorativo do evento ademais do agradable e apreciado “bordo de terra” nos xardíns contiguos do  club Náutico.

Nesta vixésimo sexta edición a organización sensibilízase coa iniciativa de CEACNA  para celebrar  o 500  Aniversario dunha xesta histórica como foi a circunnavegación do mundo polo marino español Juan Sebastián Elcano que culminou a empresa de Magallanes acompañado doutros 19 marinos, entre eles dous paisanos do municipio galego de Baiona. Ao  finalizar a entrega de trofeos, que terá lugar ás 19.30 do sábado, brindarase  con viño galego “polos todos os nosos grandes marinos” en palabras do presidente do club, Enrique Tostado.

Pola súa banda a concelleira de Educación e Deportes, María Nogareda, destacou o papel náutico de Sada e o apoio da concellaría coa regata A2 que este ano cumpre 26 anos. “É importante para o noso municipio, indicou Nogareda, continuar con tradicións náuticas que manteñen vivo o espírito mariñeiro da vila así como potenciar a nosa situación destacada nunha ría con inmellorables condicións para a práctica de distintos deportes náuticos”.


Arquivado en:
Novas. Educación e Deporte. Avisos. Sada.

Temas:
Turismo. Deporte. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA