Sada repartirá máscaras ás familias máis desfavorecidas do municipio

19 / DEC / 2020

Sada repartirá máscaras ás familias máis desfavorecidas do municipio

Nesta ocasión serán arredor de 9.000 (25 por familia) as unidades que se distribuirán grazas a unha nova campaña do Concello de Sada que complementa as xa desenvolvidas até a data e que especificamente está orientada ao apoio ás familias máis necesitadas.

Sada, 19 decembro 2020

As concellarías de Benestar Social e Igualdade e de Promoción da Saúde, Cohesión Social e Voluntariado, coordinan o reparto de máscaras para as familias máis desfavorecidas do Concello.

Desde os Servizos Sociais do Concello de Sada entregarase un total de 9.000 mascarillas nunha acción que permita seguir avanzando na contención da pandemia e na concienciación da cultura de protección na cidadanía. A Deputación da Coruña súmase á iniciativa do Concello de Sada proporcionando 2.500 máscaras.

 “Esta crise está a producir un dano incuestionable na nosa sociedade, sinala o concelleiro de Saúde, Breogán Blanco, abrindo unha maior fenda económica e sanitaria a respecto das persoas sen recursos”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabe Reimúndez, é consciente de que o Concello “debe mediar para paliar os problemas no acceso ao material imprescindible e necesario durante a pandemia”.

Con esta acción preténdese facilitar o acceso universal a este tipo de protección, cuxa obrigatoria utilización conforme o lexislado, debe complementarse con outras medidas preventivas esenciais, como é a distancia interpersoal e o lavado de mans como as máis recomendadas polas autoridades sanitarias.

A iniciativa suporá para moitas familias do municipio un aforro familiar ao recibir por volta de 25 máscaras, sobre todo, cando se trata de familias que se encontran en situación de vulnerabilidade, permitindo que estas poidan cubrir algo tan esencial nesta época que estamos a vivir como é ter unha máscara.

Até o momento, o Concello de Sada leva repartidas arredor de 50.000 máscaras, máis da metade mercadas polo consistorio e o resto entregadas por administracións e empresas.

Arquivado en