Sada realizará unha senda peonil á altura da Escola Infantil de Carnoedo

26/11/2018

Sada realizará unha senda peonil á altura da Escola Infantil de Carnoedo

As obras proxectadas pola concellaría de Obras e Servizos levaranse a cabo no vial AC- 163 de Sada a Mera, desde a EEI de Carnoedo até o cruzamento coa estrada DP 7504.


Sada 23 novembro 2018.

O goberno local de Sada, a través da concellaría de Obras e Servizos, licita por procedemento aberto as obras de formación de senda peonil e acometida de servizos na parroquia de Carnoedo. As obras proxectadas levarán a cabo na viaria AC-163 de Sada a Mera, desde o PQ:3.498 ao PQ:3.876, concretamente desde o nº 9 de Taibó até o nº 30 do Agra de Carnoedo. A lonxitude total da actuación é de 378 ml na marxe dereita do mencionado viario de titularidade autonómica.  

Trátase dunha zona de carácter residencial formada por vivendas unifamiliares e no seu extremo atópase a Escola de Educación Infantil de de Carnoedo que conten varias edificacións: aulas, parque infantil, polideportivo, club social da asociación de veciños Armental e cafetaría. “A obra de construción da senda, indica o concelleiro Miguel Tenreiro, pechará un circuíto peonil que sen dúbida animará aos veciños a pasear con maior seguridade e comodidade”.

Desde a concellaría de Obras comprobaron que as actuais infraestruturas da zona requirían obras de mellora, tanto nas calidades como nas súas prestacións. Por iso a actuación proxecta a substitución do colector de saneamento de fecais existente, a instalación dunha canalización para as augas pluviais (que actualmente circulan ao longo de cuneta aberta na marxe do viario) e a formación dunha senda de formigón para tránsito peonil e que completa un circuíto peonil no lado sur do núcleo de Carnoedo.

Na zona de actuación existen varias vivendas unifamiliares, algunhas relativamente modernas e outras que contan con certa antigüidade, e faise necesaria unha revisión e probable mellora das infraestruturas existentes tales como as acometidas ás redes de abastecemento, saneamento e nalgúns casos de pluviais, onde se conectarían as saídas de augas das cubertas das casas a nova tubaxe de pluviais e que actualmente verten á cuneta.

Proxéctase a instalación na totalidade do tramo das tubaxes de pluviais e de saneamento. Colocaranse sumidoiros e realizaranse as acometidas necesarias para recoller as augas das vivendas do tramo e do viario e instalaranse os correspondentes pozos de rexistro da nova rede de saneamento, onde dirixiranse as acometidas de augas fecais das vivendas. Igualmente revisaranse e, en caso necesario, reponeranse as acometidas á rede de distribución de auga.

A licitación, publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público, conta cun  orzamento de licitación de 95.157,99 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o 10 de decembro de 2018.


Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Avisos. Urbanismo e emprego.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Mobilidade. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA