Sada realiza obras de mellora na escola infantil Galiña Azul

19/09/2018

Sada realiza obras de mellora na escola infantil Galiña Azul

-A concellería de Benestar e Igualdade investiu 8.000€ en diversos traballos que aportan máis seguridade ao centro educativo.

Sada 18 setembro 2018.

As nenas e nenos de 0-3 anos comezan o novo curso escolar 2018-2019 cunha escola infantil  máis segura e con melloras nas súas instalacións.

Así ven de confirmalo a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, a nacionalista Isabel Reimundez, logo de que a Dirección dese centro lle enviara un escrito no mes de maio coas melloras que era necesario realizar.

A concelleira ordenou a realización de diversas obras de mantemento e acondicionamento deste edificio, creado no ano 2011 na parroquia de Mondego, para mellorar a seguridade e aumentar a zona de lecer e xogos dos nenos e nenas.

Dentro dos traballos de mellora da seguridade, arranxáronse as goteiras existentes no cuarto de depósitos e sala de caldeiras, saneáronse os conductos metálicos impermeabilizándoos con tela asfaltica e clorocaucho con fibra, tanto as saídas dos conductos como a cheminea.

Tamén se revisou e arranxou o peche de madeira do patio exterior e construiuse una zona nova de xogo, un areeiro con tapa de madeira corredeira.

Por último, realizaron obras de adaptación por indicación da Inspección da Xunta, como recortar o sistema de recollida de estores e pilladedos nas portas exteriores, colocación de caucho no chan do patio exterior na zona cuberta e tamén a colocación dunha nova cheminea.

“A seguridade é una obriga e una prioridade”, afirmou esta mañá Isa Reimundez na visita que realizou ao centro escolar. As obras foron realizadas no verán coincidindo co período de menos actividade da escola, o que fai que estea en perfectas condicións no inicio deste curso.

 

 


Arquivado en:
Novas. Mondego. Benestar social e igualdade.

Temas:
Benestar Social. Formación. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude.