Sada reabre a piscina das Cerámicas do Castro.

10/07/2019

Sada reabre a piscina das Cerámicas do Castro.

- O Concello de Sada manterá aberta a instalación durante dous meses ata o domingo 15 de setembro en horario de 12:00 a 20:00 horas ininterrumpidamente.

- A Pía do Loureiro, construída no seu día para os traballadores dentro do recinto da fábrica, ábrese gratuitamente ao público por cuarto verán consecutivo.


Sada, 10 xullo 2019.

Sada ven de asinar por cuarto ano consecutivo un convenio de colaboración coas Cerámicas do Castro-Grupo Sargadelos para a explotación por parte do Concello de Sada da instalación da Pía do Loureiro das Cerámicas do Castro, que estará aberta gratuitamente e dispoñible para toda a veciñanza desde mañá xoves 11 de xullo ata o domingo 15 de setembro en horario de 12:00 a 20:00 horas.

Nos pasados días procedeuse a pintar completamente o vaso da piscina, que conta cun vistoso deseño de polbos de Luís Seoane, así coma acondicionar o céspede e a realizar diversas labouras de mantemento nos vestiarios. Para a explotación da piscina e as instalacións anexas, coma vestiarios e zona de solárium, o concello asume a xestión integral aportando servicio de socorrismo, limpeza e mantemento das instalacións.

Esta iniciativa, aposta que o alcalde de Sada Benito Portela enmarcou no seu día como unha das actuacións “tendentes a pór en valor espazos culturais e de lecer” do municipio, permitiu recuperar unha piscina que estaba en desuso desde o 2008 e que volve por cuarto ano consecutivo a abrir no verán.

Portela destaca que é obriga dos poderes públicos “promover e tutelar o acceso á cultura e o deporte aos que a veciñanza ten dereito”. “Os concellos, destaca o rexedor sadense, temos que acadar convenios con organismos e institucións públicas ou privadas para facilitarle á veciñanza o acceso a instalacións que non son municipais e das que poden disfrutar,  por iso establecemos convenios coas Cerámicas do Castro no verán para a utilización da Pía do Loureiro ou coa Xunta de Galicia para a utilización do pavillón do Albergue da Marina durante a tempada de inverno”

 

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Avisos. Osedo. Deportes.

Temas:
Turismo. Subvencións e axudas. Deporte. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA