Sada presente na asamblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

10 / OUT / 2019

Sada presente na asamblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel Reimundez, participa esta mañá en Compostela, como representante do Concello de Sada, na asamblea do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Sada, 10 outubro 2019.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pecha hoxe o mandato 2015-2019 e abre un novo ciclo 2019-2023 cunha Asemblea Xeral na que se somete a aprobación a composición da nova Comisión Executiva, proposta pola saínte.

Representantes dos 97 concellos e das tres deputacións socias da entidade están a participar na xuntanza que se está a celebrar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. No caso do Concello de Sada, socio da entidade desde hai unha década, representado pola concelleira de Benestar e Igualdade.

O  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que agrupa a Concellos e Deputacións de toda Galicia, unidos pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade con enfoque de Dereitos Humanos cos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos.

O Fondo Galego xorde a finais do ano 1997 como expresión institucional desa crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias e a pobreza mundial que percorreu o Estado español e Europa durante os anos 90.

Co Fondo, todos os Concellos, incluídos os máis pequenos (a inmensa maioría dos existentes en Galicia) poden participar no desenvolvemento de políticas de cooperación que doutro xeito lles resultarían practicamente inviables. 

Arquivado en